Inicio Galicia A Xunta permite solicitar queimas por razóns fitosanitarias en explotacións agrícolas profesionais...

A Xunta permite solicitar queimas por razóns fitosanitarias en explotacións agrícolas profesionais e reactiva a obriga de xestionar a biomasa nas faixas próximas ás vivendas

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe senllas resolucións da Consellería do Medio Rural neste sentido


Santiago de Compostela, 29 de abril de 2020.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe senllas resolucións da Consellería do Medio Rural con cambios nas autorizacións de queimas e no prazo establecido para a xestión da biomasa nas faixas preto das casas. Así, por unha banda, a partir de agora poderán solicitarse autorizacións excepcionais por razóns fitosanitarias para a queima de restos agrícolas amoreados en explotacións profesionais. Por outra, apróbase levantar a suspensión do prazo legal para cumprir coa obriga de limpar as faixas secundarias (as dos 50 metros máis próximos ás vivendas). Neste caso, engádense á data límite habitual do 31 de maio os días que levamos de estado de alarma, de xeito que o prazo se prolonga ata o 16 de xullo de 2020 incluído.

No relativo ás queimas, as solicitudes para levalas a cabo durante o estado de alarma deberán remitirse por correo electrónico aos Servizos de Prevención de Incendios Forestais das Xefaturas Territoriais da Consellería do Medio Rural, incluíndo unha declaración responsable da persoa titular da explotación que xustifique a necesidade da queima por razóns fitosanitarias. Na solicitude deberase indicar o concello, a parroquia, o lugar e a indicación do número de polígono e número de parcela que aparecen no SIXPAC da finca na que se realizará a queima solicitada, así como as datas nas que se pretende realizala. Na solicitude debe constar ademais o número de inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), así como o número de persoas que comporán o equipo de queima e que será, como mínimo, de dúas persoas.

A queima de restos agrícolas amoreados poderase levar a cabo unha vez se reciba a correspondente autorización por correo electrónico. Nela figurarán todos os datos aportados polo interesado, así como as condicións e as datas nas que se deberá realizar a queima. Os enderezos dos catro servizos provinciais para tramitar as solicitudes son os seguintes: ccp.coruna@xunta.gal, ccp.lugo@xunta.gal, ccp.ourense@xunta.gal e ccp.pontevedra@xunta.gal.

Canto á limpeza das faixas secundarias, aquelas situadas nos 50 metros máis próximos ás vivendas, a Consellería do Medio Rural acorda a continuidade da obriga de execución da xestión da biomasa por parte dos particulares nas súas parcelas, ao tratarse de actuacións que forman parte da prevención e loita contra os incendios forestais, indispensables para a protección do interese xeral e para o funcionamento básico dos servizos esenciais, ao abeiro do Real Decreto polo que se declara o estado de alarma.

Así, as persoas que se despracen para a limpeza das faixas secundarias deberán levar consigo unha declaración responsable que comprenda a finca ou fincas nas que van levar a cabo a actuacións, incluíndo a identificación da parcela e a súa referencia catastral. Tamén deberán portar os apeiros, ferramentas ou utensilios necesarios, ou, de non levalos consigo, incluír na declaración responsable que os teñen depositados na parcela ou lugar determinado.

Co fin de reducir ao imprescindible a mobilidade das persoas por estas tarefas, recoméndase nos casos en que así estea previsto no convenio de colaboración subscrito entre a Xunta, a Fegamp e Seaga o seu desenvolvemento a través da empresa pública.

Enlace á resolución no DOG que permite solicitar queimas por razóns fitosanitarias en explotacións profesionais:https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200429/AnuncioG0426-280420-0002_gl.htmlEnlace á resolución no DOG que amplía o prazo legal para a xestión da biomasa nas faixas próximas ás vivendas:https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200429/AnuncioG0426-280420-0001_gl.html 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre