Inicio Galicia A Xunta permite desde hoxe a celebración dos mercados locais para a...

A Xunta permite desde hoxe a celebración dos mercados locais para a venda exclusiva de produtos agroalimentarios con redución de aforos e postos

0

Así o recolle unha resolución publicada na páxina web da Consellería do Medio Rural, que inclúe tamén as normas específicas para poder colocar de xeito seguro os postos


A Xunta decidiu permitir desde hoxe a reapertura dos mercados de proximidade, dado o avance temporal do estado de alarma, a constatación de datos de evolución positiva na loita contra a pandemia e que en outras comunidades autónomas si se permite a celebración destes mercados. En calquera caso, a última decisión corresponderalle aos concellos, posto que a celebración destas feiras é competencia municipal.

Así o recolle hoxe unha resolución publicada na páxina web da Consellería do Medio Rural pola que se modifica a Orde do 24 de marzo, posibilitando deste xeito a apertura destas feiras, co fin de recuperar unha actividade moi importante no rural galego.

Ademais, cómpre ter en conta a tradicional dispersión xeográfica galega, con asentamentos en pequenos núcleos de poboación, e cunha alta porcentaxe de persoas maiores, polo que estes mercados son en moitos casos a principal vía de abastecemento alimentario no agro galego. Unhas demandas apoiadas en criterios económicos e na defensa da supervivencia de determinadas ramas de actividade do sector agropecuario e que, ao permanecer pechadas as canles da hostalaría e da restauración dende o comezo do estado de alarma, moitos produtores teñen nos mercados locais unha saída para os seus produtos.

Normas específicasAsí, os mercados locais só poderán vender produtos agroalimentarios e os postos deberán cumprir unha serie de normas específicas para que o desenvolvemento desta actividade non supoña ningún risco para a saúde. Ademais, cómpre sinalar que tanto o aforo como o número de postos deberanse reducir para evitar riscos para a saúde pública. Neste senso, deberase garantir unha limitación ao 25% dos postos habituais ou autorizados e unha afluencia inferior a un terzo do aforo habitual. Porén, poderase aumentar a superficie habilitada para o exercicio desta actividade de xeito que se produza un efecto equivalente á dita limitación.

Neste senso, a Consellería xa establecera na orde publicada o pasado 24 de marzo as normas específicas ás que quedaban suxeitas a celebración de mercados. Deste xeito, os postos deberán atoparse separados por unha vía de tránsito e cunha distancia mínima entre eles de 6 metros, permitíndose unha separación mínima de 4 metros entre os laterais. Como forma de instalación dos postos na superficie do mercado, recoméndase unha disposición ao tresbolillo (en forma de triángulo equilátero, evitando que un punto de venda estea enfrontado a outro).

Dentro dun mesmo posto as persoas vendedoras -que serán as titulares da explotación agraria con actividade inscritas na sección de venda directa (Sevedi) do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga)- deberán gardar entre si unha distancia mínima de 2 metros, quedando restrinxida a actividade comercial a un único operador no caso de que as medidas do posto non fagan posible esta separación física. Tamén poderán exercer a venda os parentes en primeiro grao que colaboran na actividade agraria ou empregados da explotación.

Ademais, recoméndase aos responsables dos postos poñer a disposición da clientela luvas desbotables. En todo caso, será indispensable o uso de luvas para tocar os produtos en venda e recoméndase contar con dispensadores de xel desinfectante para uso, tanto das persoas vendedoras como das persoas usuarias, de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias.

Con respecto á limpeza e recollida, os refugallos xerados polo mercado deberán ser depositados en bolsas dentro dos colectores instalados ao efecto polos servizos municipais de limpeza e recollida de lixo, e en todo caso observar as determinacións que ao respecto se establezan nas ordenanzas ou bandos municipais.

MercaproximidadeOs pequenos produtores poderán seguir tamén vendendo os seus alimentos a través da canle de comercialización Mercaproximidade, impulsada pola Xunta nestes tempos de emerxencia sanitaria. Esta nova fórmula de venda permite dar saída aos excedentes de pequenos agricultores e gandeiros que tiñan as súas principais canles de venda pechadas, é dicir, a hostalaría e a restauración. Polo tanto, son actividades e fórmulas de venda totalmente complementarias.

Enlace á resolución:https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/conselleria/coronavirus/reapertura_2_gal_as.pdf

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre