Inicio Galicia A Xunta permite a reapertura das terrazas dos locais de ocio nocturno...

A Xunta permite a reapertura das terrazas dos locais de ocio nocturno nas mesmas condicións que as dos establecementos de hostalaría

0
image_gallery.jpg

O DOG recolle que o aforo permitido para as terrazas destes locais será do 75% cunha ocupación máxima de 10 persoas por mesa e con horario de apertura ata as 01.00 horas


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a modificación do acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño sobre medidas de prevención para facer fronte á crise da covid-19 na que se establece que os locais de ocio nocturno poderán reabrir ao público as súas terrazas ao aire libre.

A reapertura deberá levarse a cabo nas mesmas condicións e cumprindo as medidas de hixiene e prevención fixadas para as terrazas dos establecementos de restauración e hostalaría, do mesmo xeito que ocorreu durante o proceso de desescalada. Desta forma, o aforo máximo será do 75% e só se poderá realizar o consumo e o servizo en mesa, sen posibilidade de instalación de barras para os clientes da terraza.

Ademais, deberá cumprirse a distancia de seguridade entre mesas, que contarán cunha ocupación máxima de 10 persoas por mesa. Ao igual que nos establecementos de hostalaría e restauración, as terrazas dos locais de ocio nocturno terán que pechar non máis tarde das 01.00 horas, sen que poida permitirse o acceso a ningún cliente desde as 00.00 horas.

A Xunta dá así cumprimento ao compromiso acadado na última reunión con representantes do ocio nocturno celebrada a mediados de agosto na que se acordou que as terrazas destes locais comezasen a funcionar antes da reapertura do seu espazo interior. Nese encontro, o Goberno galego e o sector tamén acordaron traballar nun protocolo de reactivación da actividade para aplicar cando a situación sanitaria permita a reapertura destes locais con tódalas garantías sanitarias.

A Administración autonómica está a manter un diálogo constante cos empresarios do ocio nocturno co obxectivo tamén de estudar as vías de financiamento dispoñibles para paliar os efectos da pandemia.

Cómpre lembrar que o peche dos establecementos de ocio nocturno é unha medida que se tomou para o conxunto de España polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas, para conter o avance da pandemia e primando a seguridade sanitaria.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre