Inicio Galicia A Xunta pecha co Códice Calixtino e o cancioneiro da biblioteca vaticana...

A Xunta pecha co Códice Calixtino e o cancioneiro da biblioteca vaticana a recepción das obras de ?Galicia, un relato no mundo?

0

A exposición acolle tamén o Liber Sancti Iacobi da Universidade de Salamanca, polo que nos vindeiros seis meses a cidade de Compostela reunirá tres ‘calixtinos’


Santiago de Compostela, 13 de novembro 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu esta mañá na Cidade da Cultura á instalación en sala das dúas pezas cedidas pola Biblioteca Vaticana para a súa exhibición en Galicia, un relato no mundo: un exemplar do Liber Sancti Iacobi (Códice Calixtino) e o Cancioneiro da Vaticana –peza imprescindible da lírica galego portuguesa que se poderá ver en Galicia por vez primeira–.

Ambos manuscritos ocupan xa as súas vitrinas no Museo Centro Gaiás, á espera de que mañá se inaugure oficialmente a que será a primeira mostra internacional da Xunta con motivo do Xacobeo 2021, que se poderá visitar de balde entre o venres 15 de novembro e o 12 de abril de 2020. No acto de recepción das pezas estiveron tamén presentes o vicechanceler-secretario do Arcebispado de Santiago, Manuel Jesús Formoso Fernández; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo; e o comisario da mostra, Manuel Gago; ademais do persoal técnico da Cidade da Cultura.

Son algunhas das últimas pezas que se instalarán ao longo da xornada no Museo Gaiás e que completan un percorrido expositivo que conforma “unha das maiores mostras internacionais en termos de recuperación de pezas clave da nosa identidade cultural, espalladas en diferentes lugar do mundo”, explicou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. “A exposición reflicte a necesidade de preservar e divulgar a nosa historia e memoria, de tal xeito que as xeracións novas e futuras sexan conscientes das aportacións de Galicia ao mundo como comunidade”, sinalou tamén o titular de Cultura do Goberno galego, que quixo resaltar o interese que a mostra está a espertar na comunidade educativa galega “e que se reflicte en que máis de 3.000 escolares teñen xa reservada a súa quenda para vir coñecer a exposición a través do programa de visitas didácticas da Cidade da Cultura”.

Tres ‘códices calixtinos’ en CompostelaXunto a estas dúas pezas, ocupou tamén o seu lugar na sala de exposicións outro exemplar do Códice Calixtino, neste caso procedente da Biblioteca General Histórica da Universidade de Salamanca. Os Liber Sancti Iacobi do Vaticano e de Salamanca son dous dos tres únicos calixtinos iluminados que se conservan no mundo –ademais do orixinal da Catedral de Santiago–, o que permite observar detalles gráficos perdidos no códice compostelán, como é o rostro do emperador Carlomagno. Coa exhibición destes dous calixtinos no Museo Centro Gaiás, a capital galega reunirá durante seis meses tres exemplares desta xoia medieval.

Román Rodríguez resaltou o “enorme valor patrimonial e simbólico” das pezas que conforman Galicia, un relato no mundo e quixo ademais agradecer á Biblioteca Vaticana e á Universidade de Salamanca a súa “confianza para a cesión de tres dos seus tesouros bibliográficos para permitir que, ao igual que co Pergamiño Vindel en 2017 ou A derradeira leición do mestre en 2018, moitos galegos e galegas teñan a oportunidade única de contemplar algunhas das pezas máis senlleiras da nosa cultura”, rematou o conselleiro.

O Códice Calixtino foi escrito coa vocación de conectar Compostela e Galicia co resto de Europa, creando a lenda da aparición en soños do Apóstolo Santiago a Carlomagno, un relato que vinculaba o santuario coa figura máis prestixiosa de Occidente. A igrexa compostelá encargou no seu momento diversas reproducións do códice, realizadas co obxectivo de propagar por toda Europa o culto e a peregrinación a Santiago, chegando a importantes centros relixiosos e intelectuais da época ao longo do continente. Así, os Liber Sancti Iacobi do Vaticano e de Salamanca, datados nos séculos XII e XIV respectivamente, reproducen entre as súas miniaturas esta escena do soño de Carlomagno, que pola contra se perdeu no Códice Calixtino de Compostela.

Por vez primeira en GaliciaPola súa banda, a mostra ofrecerá a oportunidade única de ver por vez primeira en Galicia o Cancioneiro da Vaticana, que xunto co Cancioneiro de Ajuda e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal, é un dos corpus nos que se conserva a lírica galego portuguesa medieval. Trátase dunha obra cun excepcional valor simbólico para a nosa cultura, pero tamén central na tradición literaria de Europa, xa que a lírica galego portuguesa, xunto coa poesía na lingua de oc (Occitania) e de oïl (norte de Francia), foron as primeiras expresións literarias en lingua romance do continente.

O Cancioneiro é unha colección monumental de 1.200 cantigas copiadas en Italia a finais do século XV e principios do XVI por orde do humanista italiano Angelo Colocci, copias realizadas a partir dos orixinais, hoxe desaparecidos. Nel figuran os nomes máis emblemáticos da tradición literaria galego portuguesa medieval: os reis Afonso X O Sabio, Don Dinís, Paio Gomes Chariño, Afonso Eanes do Cotón, Pero da Ponte, Meendinho ou Airas Nunes, entre moitos outros.

Outras pezas destacadas da exposiciónGalicia, un relato no mundo reunirá na Cidade da Cultura numerosas obras senlleiras sobre os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo. Algunhas destas obras son prestadas por entidades da categoría do Trinity College de Dublín, o Museo do Prado, as bibliotecas das Universidades de Cambridge e Oxford ou o Museu Nacional de Arqueologia de Portugal, entre outras 80 institucións culturais e coleccións privadas, tanto de Europa e América como do resto de España e de Galicia.

Así, no Museo Centro Gaiás agardan xa á apertura da mostra pezas como o Libro das Invasións, –onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán–, o Mapa de Sawley –considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, no que se representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa–, ou a Biblia Kennicott –manuscrito considerado unha xoia da iluminación medieval e a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia–.

A exposición está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación HispanoJudía. Está enmarcada na programación do Xacobeo 2021, que conta con Estrella Galicia e Gadisa como patrocinadores especiais. Poderase visitar de balde no Museo Centro Gaiás entre o 15 de novembro e o 12 de abril de 2020 en horario de 10,00 a 20,00 horas. No web cidadedacultura.gal pode consultarse toda a información sobre a mostra e o programa de actividades que se desenvolverá ao redor da mesma. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre