Inicio Galicia A Xunta participa na mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia...

A Xunta participa na mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero no Concello de Mondoñedo

0

O obxectivo principal destas Mesas é a promoción, no ámbito municipal, de políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na reunión da mesa local de coordinación interinstitucional do concello de Mondoñedo. No marco deste encontro deuse conta das actividades que se levarán a cabo con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora o próximo luns, 25 de novembro.

López Abella destacou a importancia destas Mesas Locais de Coordinación porque integran no ámbito municipal, políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero. Nesta liña, indicou que compete aos poderes públicos a loita para a prevención e a erradicación da violencia de xénero, coa obriga de articular medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres que a sofren, procurando os medios efectivos e axeitados a cada caso e as alternativas para o exercicio dos seus dereitos como cidadás nun estado democrático. Neste sentido, resulta fundamental coordinar todos os recursos dirixidos a sensibilizar a toda a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero.

As Mesas Locais de Coordinación contra a Violencia de Xénero teñen ademais como obxectivos específicos perseguir a mellora da detección precoz de casos de violencia de xénero; optimizar a coordinación dos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero; ofrecer unha atención e unha resposta áxil ás vítimas de violencia; mellorar a protección ás vítimas de alto risco; e informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á poboación en xeral.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre