Inicio Galicia A Xunta outorgou axudas económicas a 505 vítimas de violencia de xénero...

A Xunta outorgou axudas económicas a 505 vítimas de violencia de xénero durante o primeiro semestre, case un 30% máis

0

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, presentou hoxe o balance da atención ás vítimas de violencia de xénero nunha primeira metade do ano condicionada pola crise sanitaria

A Xunta concedeu no primeiro semestre do ano axudas económicas a 505 mulleres vítimas de violencia de xénero, o que supón 109 máis que no mesmo período do ano pasado (27,5% máis).

Así o explicou hoxe a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, quen, acompañada da subdirectora xeral para o tratamento da violencia de xénero, Belén Liste, deu conta do balance dos datos das axudas, servizos e recursos que o Goberno galego puxo a disposición das vítimas de violencia de xénero durante a primeira metade do ano. Un período no que houbo que lamentar o asasinato de dúas mulleres: Manuela Iglesias, na Pastoriza, e Clara Expósito, en Lugo.

O primeiro semestre do ano estivo condicionado pola crise sanitaria e o Estado de Alarma. Durante este tempo, a Xunta puxo en funcionamento un Plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia de xénero para garantir que tiveran á súa disposición os recursos necesarios: prestacións económicas, apoio psicolóxico, asistencia dos CIM, e recursos de acollida. Neste período, tamén se tomaron outras medidas de apoio adicionais como a ampliación do bono alugueiro social para as vítimas de violencia de xénero.

Axudas económicasPrieto explicou que, durante o primeiro semestre do ano, a Xunta outorgou axudas económicas a través das distintas liñas que ten habilitadas. Así, 319 mulleres foron beneficiarias da axuda de pagamentos mensuais, unha persoa máis que no mesmo período de 2019; 182 mulleres recibiron unha axuda de pagamento único, o que supón 105 máis que na primeira metade de 2019; e 4 recibiron as indemnizacións que se outorgan cando, tendo as mulleres dereito a indemnización por orde xudicial, non a reciben e, pola súa causa, se produce unha situación de precariedade económica.

Ademais, en 2020 concedéronse axudas ao abeiro das novas liñas postas en marcha o ano pasado. Por unha banda, concedéronse indemnizacións económicas a 2 fillos/as menores de vítimas mortais de violencia de xénero; así como 3 indemnizacións ás mulleres gravemente feridas que requiriron de hospitalización. Cada unha destas axudas ascende a 7.000 euros.

Cómpre lembrar que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en dispoñer dunha axuda económica periódica e a única que a ten operativa de maneira ininterrompida ao longo de todo o ano, incluíndo ademais como beneficiarias dela ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual. En 2019 incorporáronse tamén como beneficiarias ás mulleres vítimas da violencia vicaria -cando a exparella asasina ao fillo-, pero non se rexistraron casos no que vai de ano en Galicia. A Xunta foi tamén pioneira na posta en marcha do programa de acompañamento a menores orfos.

A maiores das axudas económicas, a Xunta tamén pon a disposición das vítimas outros recursos, como a atención psicolóxica, o Teléfono de Información á Muller, ou os Centros de Información á Muller, que o Goberno galego financia.

Dadas as circunstancias derivadas da crise sanitaria, na primeira metade do ano detectouse un especial incremento nas chamadas ao Teléfono de Información á Muller. Tamén aumentaron as consultas aos Centros de Información á Muller, que estiveron funcionando de forma telemática e mesmo de forma presencial para os casos de maior gravidade.

De feito, o Teléfono da Información á Muller recibiu nos primeiros seis meses 1.842 consultas, 477 máis que no mesmo período de 2019 que, o que en termos porcentuais se traduce nun incremento do 35%. A maioría das consultas estiveron relacionadas coa atención psicolóxica. Posteriormente, as máis numerosas foron sobre recursos e cuestións xurídicas.

En canto aos 82 Centros de Información á Muller que hai en Galicia, atenderon no primeiro semestre 5.465 consultas, 779 máis que no mesmo período do ano anterior (16,6% máis). Nestes centros, préstase ás mulleres atención e acompañamento de proximidade, así como orientación psicolóxica, xurídica e sociolaboral.

Atención psicolóxicaA atención psicolóxica continuou funcionando, mesmo coas limitacións do Estado de Alarma. Así, o programa de atención psicolóxica a mulleres vítimas da violencia de xénero, aos seus fillos/as e persoas dependentes ao seu cargo atendeu a 624 persoas no primeiro semestre, unha cifra moi similar ao ano anterior, con só 32 persoas menos. Das 624 persoas beneficiarias, 434 foron mulleres, 167 menores, e 23 persoas dependentes. Tamén se seguiu prestando o programa ‘Abramos o círculo’, orientado a homes con problemas de control de violencia, que atendeu a 90 homes, 12 máis que en 2019.

Ambos programas préstanse en colaboración co colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Cómpre lembrar que, ademais, en Galicia existen outros mecanismos de atención psicolóxica, como a activación do grupo GIPCE (Grupo de intervención psicolóxica en catástrofes e emerxencias) cando ocorren casos de gravidade; ou a posibilidade de que accedan a estes servizos as persoas con discapacidade auditiva. Rede galega de acollementoAdemais de todos os recursos e servizos xa expostos, a Xunta conta tamén coa Rede Galega de acollemento. Nos primeiros seis meses do ano, as casas de acollida acolleron sucesiva e temporalmente a 142 persoas: 78 mulleres e 64 menores, un 13,4 por cento menos que no mesmo período do ano pasado. Deste total, 5 mulleres foron acollidas nos recursos alternativos (albergues e hoteis) que se habilitaron no marco do Plan de reforzo durante o Estado de Alarma, xa que presentaban unha casuística que precisaba dun tratamento diferenciado.

A Xunta tamén conta cun servizo de teletraducción, para facilitar que todas as mulleres poidan acceder a axuda e aos recursos que teñen á súa disposición. Este servizo, que está dispoñible en 51 idiomas distintos en 61 Centros de Información á Muller (CIM), no Centro de Recuperación Integral da Muller, en 11 ONGs e en todos os centros de acollida, usouse no primeiro semestre durante un total de 2.113 minutos, fronte aos 533 minutos do pasado ano. A maioría das peticións foron para árabe, árabe marroquí, francés, inglés e ruso.

Denuncias e medidas de protecciónNa comparecencia de prensa, a secretaria xeral da Igualdade por delegación informou tamén do número de denuncias presentadas durante o primeiro trimestre de 2019, de acordo cos últimos datos facilitados polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Durante eses tres meses, presentáronse 1.397 denuncias, a gran maioría delas na provincia da Coruña e Pontevedra. No mesmo período do ano pasado, o número de denuncias foi de 1.736.

Ademais, na primeira metade do ano os xulgados comunicaron un total de 536 medidas de protección. Un total de 625 mulleres contaron con protección móbil e 89 agresores tiveron un sistema telemático para cumprir a orde de afastamento.

Para rematar, Prieto recordou que desde 2013 o Goberno galego conta cun protocolo para o exercicio da acción popular por parte da Xunta nos procedementos penais en casos de morte por causa de violencia de xénero. Desde entón, son 18 os procedementos nos que se personou. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre