Inicio Galicia A Xunta, os campus de baloncesto, a Liga Galega de Traíñas e...

A Xunta, os campus de baloncesto, a Liga Galega de Traíñas e ARIVEN traballan para recuperar a actividade deportiva canto antes e con todas as garantías

0

No contexto da ferramenta FISICOVID-DXTGALEGO están a traballar simultaneamente dez grupos en función das modalidades deportivas e nas vindeiras semanas veranse os primeiros resultados 


A Secretaría Xeral para o Deporte continua coa súa serie de encontros virtuais con todo o tecido deportivo galego para estudar as diferentes medidas a tomar para minimizar os prexuízos da declaración do estado de alarma por mor do coronavirus no eido deportivo. Esta semana foi a quenda dos campus de baloncesto, os clubs da Liga Galega de Traíñas e a Asociación Ría de Vigo de Entidades Náuticas (ARIVEN), sendo no caso destas dúas últimas a segunda reunión mantida desde a declaración do estado de alarma.

No primeiro caso, a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, reuniuse con 21 organizadores de campus deportivos de baloncesto. Neste foro analizouse a actual situación de incerteza xerada pola escasa concreción por parte do Ministerio de Sanidade e do CSD con relación ás actividades e condicións nas que se poderían desenvolver estes campus nos que participarían en torno a 2.500 rapaces e rapazas. A Xunta e os diferentes campus acordaron traballar conxuntamente para tratar de realizar os eventos neste verán e con todas as garantías dende o punto de vista sanitario.

No caso da Liga Galega de Traíñas e os clubs participantes, analizouse a situación actual da competición respecto ás posibilidades do inicio da tempada, tendo en conta as peculiaridades deste deporte así como a incerteza que provoca a normativa do Goberno do Estado e o protocolo sanitario do CSD, de imposible cumprimento para os clubs.

O secretario xeral trasladoulle as reivindicacións trasladadas ao CSD -no relativo á necesidade de recoller un protocolo adaptado ao deporte non profesional, así como clarificar a normativa actual con relación á aplicación das franxas horarias para os federados-. O secretario xeral apuntou que tamén se está a traballar nun protocolo básico para as instalacións deportivas, que será chave para unha volta segura á práctica deportiva e que, no seu momento, contará coa maior participación posible. A LGT e a Secretaría Xeral traballan nun calendario previsible, formulando como posibilidade de inicio da competición a mediados do mes de xullo, en función do que dispoñan as autoridades sanitarias.

A elaboración de protocolos específicos para a volta á práctica deportiva de forma segura a través da ferramenta FISICOVID-DXTGALEGO foi outro dos temas tratados en todas as reunións. No contexto da ferramenta están a traballar simultaneamente dez grupos en función das modalidades deportivas e nas vindeiras semanas veranse os primeiros resultados. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre