Inicio Galicia A Xunta organizará a fase final do primeiro torneo autonómico de League...

A Xunta organizará a fase final do primeiro torneo autonómico de League of Legends esta fin de semana en Silleda

0

Terá lugar no recinto da Feira Internacional de Galicia

A Xunta de Galicia organizará a fase final do primeiro torneo autonómico de League of Legens (LOL) esta fin de semana no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda. Neste certame, posto en marcha pola Consellería de Política Social, participarán 80 mozas e mozos de diferentes municipios de toda a comunidade.

O obxectivo é configurar un completo fin de semana de competición entre os 16 equipos que se clasificaron para a fase final. Cómpre lembrar, que nos Espazos Xoves de menor poboación (Betanzos, Curtis, Noia, Pontedeume, Vilalba, Viveiro, Chantada e Tui) clasificouse un equipo de cada zona, mentres que nos catro de maior poboación (Carballo, Ourense, Lalín e Vilagarcía) son dous os equipos que chegaron á fase final. Cada un destes equipos está formado por cinco persoas.

Deste xeito, o sábado 21 terán lugar os oitavos de final que se disputarán de xeito simultáneo en catro espazos diferentes dentro do recinto. Xogaranse tres partidos en cada espazo, e os dous que gañen pasarán á seguinte fase. O domingo 22 disputaranse pola mañá os cuartos de final e as semifinais a partida única, mentres que pola tarde será a gran final na que o equipo gañador resultará ser o mellor de tres partidas.

Cada membro do equipo gañador será obsequiado cunha tarxeta de Riot Points, valorada en 100 euros, a través da que se poderán adquirir diversos elementos dentro do xogo, ou con outra tarxeta regalo a determinar pola organización. Os membros do equipo que quede en segunda posición recibirán material de promoción da Consellería de Política Social.

Esta fase final do I torneo autonómico de League of Legends (LOL) nos Espazos Xoves será aberta a todo o público, que poderá seguir a competición na pantalla do escenario principal. Cómpre destacar que a conexión a internet e os equipos informáticos que se empregarán durante esta fase final será subministrados pola compañía R.

Transporte, aloxamento e manutenciónA Xunta de Galicia ofrecerá transporte, aloxamento e manutención de carácter gratuíto aos membros dos 16 equipos clasificados para esta final. O transporte será de ida o sábado pola mañá e de volta o domingo pola tarde. Os autobuses sairán de cada un dos Espazos Xove nos que se realizou a primeira fase do torneo.

No referente ao aloxamento, os equipos clasificados poderán aloxarse nun pavillón independente do recinto, pero si é preciso que traian a súa propia tenda de acampada, saco de durmir e útiles de aseo. Así mesmo, terán acceso a duchas e lavabo. En canto á manutención, os equipos finalistas contarán con servizo de comida e cea o sábado, así como con almorzo e comida o domingo.

O Goberno galego puxo en marcha este proxecto pioneiro en Galicia, que está destinado a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos e celebrouse nos 12 Espazos Xoves xestionados pola Administración autonómica, co fin de favorecer a participación da xuventude da zona e da contorna próxima. Ademais, procura promover o coñecemento, a formación e o ocio ao redor dos videoxogos. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre