Inicio Galicia A Xunta organiza xornadas de portas abertas á nova sede do arquivo...

A Xunta organiza xornadas de portas abertas á nova sede do arquivo de Ourense en San Francisco

0

As visitas guiadas, con cita previa, realizaranse o próximo mércores ás 10,30 h. e o xoves ás 20,00 h. e permitirán achegar á cidadanía as características do inmoble

A Xunta organiza xornadas de portas abertas na nova sede do Arquivo Histórico Provincial de Ourense situada no antigo Convento de San Francisco. As visitas guiadas, conducidas polo director desta dotación, Pablo Sánchez Ferro, permitirán achegar á cidadanía as características deste inmoble de gran valor patrimonial e cuxas orixes se remontan á primeira metade do século XIV.

Así, en virtude desta iniciativa, os interesados poderán contemplar a transformación arquitectónica á que se someteu o inmoble, así como as características funcionais e espazos asociados ao arquivo, como son as salas de investigación, as zonas administrativas, as salas expositivas e os depósitos, entre outros. As visitas guiadas terán unha duración de entre 50 e 75 minutos e todos os que o desexen participar poderán inscribirse no teléfono 988788228 ou a través do correo electrónico arq.prov.ourense@xunta.gal. As visitas terán unha capacidade máxima de 25 persoas e, en función da demanda, poderán fixarse novas datas.

Esta iniciativa realizarase antes de que este mes de agosto dean comezo as obras para o traslado dos fondos desde o emprazamento actual do arquivo, no Pazo Episcopal, ata a nova sede de San Francisco. Os traballos implicarán mover unhas 54.000 caixas de documentación, libros, pergamiños, cartafoles e outros fondos bibliográficos, ademais de mobiliario e enseres, e está previsto que rematen no mes de setembro.

Novo espazo cultural de referenciaO traslado efectuarase de xeito ordenado, baixo a dirección e supervisión do persoal técnico do arquivo e atendendo, en especial, ás condicións de manipulación daqueles fondos singulares pola súa antigüidade, formato ou estado de conservación. Entre os documentos con estas características inclúense fragmentos de códices, impresos incunables, máis de 1.700 libros procedentes de institucións relixiosas, do Catastro de Ensenada ou do fondo antigo bibiliográfico, así como outros documentos anteriores a 1960, edicións facsímiles ou obras en formato especial como fotografías, planos mapas ou diapositivas, entre outros.

O traslado dos fondos do Arquivo Histórico Provincial de Ourense á nova sede de San Francisco permitirá conformar un novo espazo cultural de referencia na cidade das Burgas, ao sumar unha nova dotación cultural a esta zona na que tamén se ubica a Biblioteca Pública do Estado, xestionada polo Goberno galego. Pola súa banda, o espazo da vella sede do arquivo, no antigo Pazo Episcopal, quedará dispoñible para a ampliación do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, cuxa sede actual se atopa noutra zona deste mesmo inmoble. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre