Inicio Galicia A Xunta organiza unhas xornadas sobre o control de pragas e enfermidades...

A Xunta organiza unhas xornadas sobre o control de pragas e enfermidades en froiteiras no concello de Abegondo

0

Celébranse hoxe e mañá na casa do concello de Abegondo, en xornada de mañá e tarde

A Consellería do Medio Rural organiza para hoxe e mañá, na Casa do Concello de Abegondo, unhas xornadas sobre o control de pragas e enfermidades en froiteiras, coa finalidade de dar a coñecer ao sector a á cidadanía a mellor forma de facerlle fronte.

Ao longo desta mañá programáronse diversas charlas enfocadas ao recoñecemento de pragas e o control oficial de hixiene na produción primaria agrícola, así como o uso de produtos fitosanitarios. Para a súa realización, contouse coa participación de técnicos do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia e do Servizo de Explotacións Agrarias da Consellería. Pola tarde haberá unha visita por parte dos asistentes a este laboratorio.

Na xornada de mañá están programadas catro charlas informativas e unha mesa redonda. Así, abordaranse as enfermidades máis comúns en fruticultura e no caso concreto das maceiras, a importancia da meteoroloxía nos cultivos e as oportunidades para o emprendemento agrario na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

A mesa redonda xirará sobre as incidencias fitopatolóxicas en mazá de sidra e a comercialización de produtos, entre outras materias. Para iso, contarase coa participación de representantes da Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal), da Asociación hortofrutícola do Val do Ouro (Afruval) e da cooperativa Ullama, todas elas dedicadas á produción de mazás e produtos transformados.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre