Inicio Galicia A Xunta organiza unha xornada técnica sobre maquinaria para a mecanización da...

A Xunta organiza unha xornada técnica sobre maquinaria para a mecanización da horta

0

A acción, que se desenvolverá no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, contará con demostracións con distintos tipos de equipos

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza unha xornada técnica sobre maquinaria para a mecanización da horta. A acción, que se desenvolverá o vindeiro 13 de agosto no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), contará con demostracións con distintos tipos de equipos.

A xornada levarase a cabo nun momento de incremento da demanda de diferentes maquinarias para poder mecanizar certas tarefas do agro, así como para buscar sistemas de produción máis eficientes ou que minimicen a utilización de fitosanitarios. Deste xeito, cada vez máis agricultores buscan equipos que non só lles faciliten o labor diario, senón que tamén poidan axudalos a aforrar, ao tempo que teñen a capacidade de adaptarse aos distintos tipos de solo ou ás irregularidades do terreo.

Así, a acción constará dunha sesión teórico práctica para mostrar o funcionamento e as particularidades dunha serie de máquinas, facendo fincapé na posibilidade de combinación entre elas para reducir o tempo de traballo ou o consumo de enerxía. Entre os equipos que se empregarán na demostración, estarán un canón nebulizador, unha transplantadora ou distintos tipos de fresas. Tamén unha sementadora, unha binadora e unha trituradora de cultivos.

A actividade está dirixida aos produtores e técnicos de horta, ás cooperativas e asociacións de horticultores, ás escolas de formación agraria e ás empresas de servizos agrícolas. Así mesmo, poden acudir representantes dos talleres de maquinaria para o agro, así como mozos en fase de incorporación á actividade agraria.

O principal obxectivo do Plan de formación ao agro galego é impulsar as actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Así, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, gandeiro, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego de métodos respectuosos coa conservación e a protección do medio.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre