Inicio Galicia A Xunta organiza un taller sobre o estudo das toxinas mariñas emerxentes...

A Xunta organiza un taller sobre o estudo das toxinas mariñas emerxentes a través do proxecto europeo Alertox-Net

0

Investigadores galegos detallarán o seu labor neste traballo sobre a presenza de novas toxinas nas mareas vermellas

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, organiza o mércores da próxima semana un taller dirixido ao sector produtor, ás administracións e aos centros académicos e de investigación sobre o proxecto europeo Alertox-Net de estudo das toxinas mariñas emerxentes derivadas do cambio climático. O encontro, que se celebrará no auditorio de Vilagarcía de Arousa, servirá para dar a coñecer os detalles desta investigación, na que participan 11 entidades de cinco países do arco atlántico: España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido.

O principal obxectivo deste proxecto é avanzar no desenvolvemento dunha rede de alerta de toxinas mariñas emerxentes que se poida implementar na cadea de valor alimentaria, de xeito que aumente a seguridade do consumidor. Tamén busca establecer un posible indicador dos riscos relacionados co cambio climático.

No taller, que ten cuberto o seu aforo, os profesionais do Intecmar e doutros centros investigadores de Galicia e Portugal explicarán en distintas conferencias o seu labor para controlar e actuar ante a presenza de toxinas mariñas analizando diversos aspectos como o impacto do cambio climático nas costas galegas, os avances na análise e eliminación de toxinas, a avaliación das toxinas emerxentes, a vixilancia dos seus efectos na poboación galega ou cal é a súa incidencia nas costas de Portugal.

No caso do proxecto Alertox-Net, o labor do centro dependente da Consellería do Mar céntrase en aspectos como a participación no desenvolvemento de métodos analíticos para realizar o seguimento das toxinas emerxentes, o estudo da súa evolución e o intercambio de mostras co resto dos integrantes do proxecto.

O consorcio internacional do proxecto Alertox-Net está liderado polo grupo de investigación Farmatox da Facultade de Ciencias Veterinarias da Universidade de Santiago de Compostela, do Campus de Lugo. Outros centros que forman parte del, ademais do Intecmar, son o Instituto Mariño de Galway, a Universidade Nacional de Irlanda, en Galway, a Universidade de Queens, de Belfast, o Cefas do Reino Unido, o Centro de Enerxía Atómica de París, o Ifremer de Nantes, o Ciimar da Universidade de Porto e a Fundación AZTI de Bilbao. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre