Inicio Galicia A Xunta organiza un seminario en liña para empresas sobre elaboración de...

A Xunta organiza un seminario en liña para empresas sobre elaboración de Plans de acción polo clima e a enerxía sostible

0

O webinar realizarase o próximo 5 de xuño e o prazo para poder inscribirse permanecerá aberto ata o día anterior, aínda que as prazas son limitadas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda continúa a apostar pola formación en liña para darlle un pulo definitivo en Galicia ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía e axudar aos concellos adheridos a este movemento internacional a cumprir cos obxectivos fixados pola Unión Europea para frear o cambio climático. Así, o próximo 5 de xuño impartirase un webinar -seminario en liña por videoconferencia- dirixido a entidades e empresas que ofrecen servizos para elaboración de Plans de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible aos concellos inscritos no Pacto en Galicia.

Nesta xornada realizarase unha introdución sobre a iniciativa europea do Pacto das Alcaldías, que naceu no ano 2008 como un movemento de carácter internacional co obxectivo principal de mobilizar e implicar ás administracións locais na busca de sinerxías fronte ao cambio climático.

Durante o webinar, dunha hora de duración, explicaranse as tarefas que está a realizar en concreto a Xunta de Galicia, que a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático exerce de coordinadora do Pacto das Alcaldías en Galicia desde o ano 2017 e vén traballando cos concellos galegos, promovendo e apoiando a súa adhesión ao pacto e a consecución dos seus compromisos.

A continuación visualizarase dun xeito práctico o marco de elaboración dos Plans de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), un documento que todos os asinantes do pacto teñen que redactar para garantir o cumprimento dos compromisos fixados pola UE de aquí a 2030 en materia de emisións, así como os recursos existentes para a súa elaboración.

Para poder participar neste webinar, haberá un número de prazas limitado. Todos os interesados poden facer xa a súa inscrición a través da seguinte ligazón, tendo como data límite para formalizala o 4 de xuño ás 14 horas.

Formación, axudas e enquisaCon este novo seminario online a Xunta responde á demanda e interese amosado por varias empresas que están colaborando xa con concellos galegos na elaboración dos seus respectivos PACES. Ademais, vén complementar o ciclo de formacións en liña organizado durante o último mes pola Oficina Técnica do Pacto das Alcaldías en Galicia, nos que están a participar máis de 70 representantes municipais.

Todos estes cursos formativos pretenden facilitar a elaboración dos PACES, o mesmo obxectivo co que a Xunta publicou o pasado 14 de maio unha nova orde de axudas dirixida a concellos, entidades supramunicipais e agrupacións de entidades locais que estean formalmente adheridas ao Pacto co fin de contribuír a sufragar a elaboración dos seus respectivos plans de acción para o clima.

Así mesmo, cómpre lembrar que a Consellería tamén está a realizar unha completa enquisa telemática aos preto de 200 concellos adheridos na actualidade a este movemento, co fin de coñecer con detalle os traballos que xa teñen realizado, a situación particular de cada municipio e os posibles atrancos que están a atopar para avanzar nos compromisos que asumiron coa súa adhesión.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre