Inicio Galicia A Xunta organiza no Gaiás unha conferencia sobre comunicación e emprendemento coa...

A Xunta organiza no Gaiás unha conferencia sobre comunicación e emprendemento coa lingüista e divulgadora Estrella Montolío

0

Experta en comunicación na contorna profesional, Montolío ten asesorado a entidades como AENA, Amazon ou Naturgy e, na súa faceta como divulgadora, conduce a sección ‘Todo es lenguaje’ no espazo ‘No es un día cualquiera’ de RNE


A Cidade da Cultura acollerá o vindeiro 21 de novembro a conferencia O poder da conversa: comunicar para emprender, na que a catedrática de Lingüística e divulgadora Estrella Montolío porá o foco na grande esquecida da comunicación na contorna profesional: a conversa. O relatorio enmarcarase na entrega dos VII Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, certame impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, para favorecer a creación de novas empresas no eido das industrias culturais e creativas, que conta co patrocinio de Afundación e a colaboración do Igape.

Nesta sétima convocatoria dos Premios Sixto Seco presentáronse máis dunha trintena de ideas emprendedoras que apostan por innovar no sector cultural, divididas en dúas modalidades: proxectos relacionados co deseño, a xestión cultural e a creación artística e plástica por unha banda, e proxectos en internet ou desenvolvemento de apps no sector cultural, pola outra.

De entre todos eles, o xurado seleccionará un proxecto gañador por cada categoría, que recibirá cadanseu premio de 3.000 euros en metálico ademais de poder incorporarse de maneira gratuíta e durante un ano ao coworking do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura. A entrega de premios, que terá lugar o xoves 21 de novembro ás 18,30 horas no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia, rematará coa conferencia titulada O poder da conversa: comunicar para emprender, con entrada libre e de balde para todo o público interesado -ata completar capacidade-.

O poder da conversa: comunicar para emprenderQue implica que dúas persoas se interrompan no medio dunha conversa? Unha coidada presentación de produto ou negocio pode verse arruinada por unha charla irreflexiva? Como expresar unha idea asertivamente ou reaccionar ante unha agresión verbal? Habitualmente emprendedores e profesionais dedican tempo e enerxía a formarse e mellorar as súas habilidades para falar en público ou preparar unha presentación de proxecto, mentres que algo tan habitual como a conversa non adoita recibir apenas atención.

Baixo estas premisas, Estrella Montolío convidará na súa charla a reflexionar sobre a forma de comunicación máis habitual no noso día a día, que tece as relacións sociais, constrúe a imaxe persoal e profesional e afecta incluso á felicidade das persoas.

Biografía de Estrella MontolíoCatedrática de Lingüística Hispánica na Universidade de Barcelona, Estrella Montolío Durán focaliza o seu traballo no estudo dos intercambios comunicativos nas contornas profesionais. Neste ámbito, ten asesorado a organizacións como AENA, Amazon, CaixaBank, Endesa, Naturgy, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio de Xustiza, a Corte Suprema de Chile, os concellos de Madrid e Barcelona ou a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).

Conferenciante convidada en máis dun cento de universidades españolas, europeas e americanas, é autora de numerosos traballos especializados aparecidos en publicacións nacionais e internacionais. É tamén autora, entre outras publicacións, dos libros Estrategias de comunicación para mujeres directivas (2012, Generalitat de Cataluña), Guía de comunicación igualitaria (2018, Caixabank), Manual de escritura académica y profesional (Dir. 2014, Ariel) ou Cosas que pasan cuando conversamos, que será publicado o próximo ano. Na súa faceta como divulgadora, conduce a sección Todo es Lenguaje, no programa No es un día cualquiera de Radio Nacional, e é colaboradora habitual de diversos medios escritos.

Impulsar o emprendementoOs Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco favoreceron, desde a súa primeira edición no ano 2013, a posta en marcha de proxectos que apostan por innovar no ámbito da cultura, moitos dos cales son a día de hoxe empresas consolidadas. Os galardóns, que homenaxean do médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco, confírmanse como unha das principais liñas de programación da Cidade da Cultura destinadas a favorecer o emprendemento e a creación de emprego no eido cultural e creativo e a desenvolver unha programación que estimule o talento e cree cultura emprendedora en Galicia. Só en 2018 programáronse máis de 70 actividades en torno ao emprendemento e á innovación, ás que asistiron arredor de 14.000 persoas, mentres que desde 2012 pasaron polo Centro de Emprendemento do Gaiás máis de 400 proxectos innovadores.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre