Inicio Galicia A Xunta organiza mañá en Bergondo un curso sobre o emprego de...

A Xunta organiza mañá en Bergondo un curso sobre o emprego de drons en labores agrícolas e forestais

0

Terá unha duración total de 8 horas e celebrarase en horario de mañá e tarde no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza mañá un curso sobre o emprego de drons en labores agrícolas e forestais. Terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, no concello coruñés de Bergondo, en horario de mañá e tarde.

Nesta acción formativa, que terá unha duración total de 8 horas, trataranse diversos temas relacionados coa agricultura en xeral, tales como a produción ecolóxica e a integrada, o tipo de cultivos en función dunha serie de parámetros (zona, cultivo, orografía e accesibilidade), as principais enfermidades e pragas, así como as boas prácticas ambientais.

Ademais, tamén se abordará o uso do dron como equipo de pulverización, analizando as vantaxes destes vehículos non tripulados con respecto aos sistemas tradicionais, centrado principalmente na economización de produto e tempo, entre outros aspectos. Neste senso, os participantes tamén recibirán coñecementos sobre a normativa de uso dos drons, tanto da aeronáutica civil como da do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en materia de aplicacións aéreas. Por último, os asistentes terán unha clase onde poderán poñer en práctica os coñecementos adquiridos sobre o empregos destas novas tecnoloxías na agricultura.

Este curso está integrado no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre