Inicio Galicia A Xunta organiza este mes de setembro un Programa de formación de...

A Xunta organiza este mes de setembro un Programa de formación de catas de aceite de oliva virxe extra no Concello da Arnoia

0

Haberá un curso de iniciación, perfeccionamento e avanzado que se celebrarán os vindeiros días 12, 19 e 26 de setembro, respectivamente

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza tres cursos de formación de catas de aceite de oliva virxe extra (AOVE) no municipio ourensán da Arnoia.

Estes cursos de iniciación, perfeccionamento e avanzado terán lugar os vindeiros días 12, 19 e 26 de setembro, respectivamente, na antiga cooperativa do pemento deste concello. Serán impartidos polo xienense Ramón Pulgar, experto en oleicultura e catador recoñecido polo Consejo Oleícola Internacional. Cada un dos tres cursos terá unha duración total de 8 horas, en horario de mañá e tarde, dirixidos principalmente a agricultores que teñen ou están plantando oliveiras.

En canto ao temario, no caso do curso de iniciación, abordaranse cuestións como os conceptos básicos na cata de aceites, clasificacións comerciais, fases olfativa, gustativa e táctil; así como as características sensoriais e o vocabulario básico. O curso rematará cunha sesión de cata demostrativa.

No caso do curso de perfeccionamento, traballarase na análise sensorial do aceite de oliva virxe extra segundo o Consejo Oleícola Internacional e os paneis de cata oficiais. Tamén se tratará a composición química do aceite, atributos e entrenamento con patróns. Finalizarase o curso cunha sesión de cata demostrativa.

Finalmente, no curso de nivel avanzado abordaranse as características organolépticas dos AOVEs mediante un taller dos sentidos, analizaranse os elementos determinantes na calidade deste produto e os seus atributos positivos, ademais da elaboración dunha ficha final e unha sesión de cata demostrativa.

O obxectivo destas sesións de cata é a formación de profesionais do sector coa expectativa de que xurda algún experto catador que seguirá recibindo formación e así algún día poder formar un panel de cata de AOVES en Galicia. Tamén se busca afianzar este sector emerxente na nosa comunidade, posto que é moi importante para o asentamento e mellora do rural galego. Neste senso, cabe sinalar que, a día de hoxe, hai arredor de 164 hectáreas plantadas cun total de 180.000 oliveiras en Galicia.

Estes cursos están integrados no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre