Inicio Galicia A Xunta organiza en Oza-Cesuras un curso sobre a loita e o...

A Xunta organiza en Oza-Cesuras un curso sobre a loita e o control de pragas e enfermidades na horticultura ecolóxica

0

A acción formativa, promovida pola Oficina Agraria Comarcal de Betanzos, desenvolverase entre os vindeiros 23 e 28 de setembro

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza no concello coruñés de Oza-Cesuras un curso sobre a loita e o control de pragas e enfermidades na horticultura ecolóxica. A acción formativa, que terá lugar entre os vindeiros 23 e 28 de setembro, está promovida pola Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Betanzos e dirixida tanto a agricultores en activo como a persoas interesadas en incorporarse á activade agraria.

A iniciativa, que se impartirá en horario de mañá, contará cunha primeira xornada teórica o día 23 no centro social de Piñoi, na parroquia de Borrifáns. As outras dúas sesións -o 24 e o 28 de setembro respectivamente- suporán o desprazamento dos asistentes a senllas explotacións hortícolas de Oza-Cesuras.

Canto aos contidos formativos, os participantes no curso coñecerán as bases agroecolóxicas para o control de pragas e enfermidades nas hortas, o papel que exerce o solo como filtro biolóxico, os beneficios que poden supor distintos microorganismos para os cultivos, así como a importancia da biodiversidade para o equilibrio dos agrosistemas. Así mesmo, daráselles acceso a distintas estratexias de control biolóxico, descubríndolles as posibilidades que ofrecen os produtos minerais ou distintas preparacións de caldos vexetais, ao tempo que poderán identificar os insectos útiles para a horta e mesmo como crialos eles mesmos.

Este curso está integrado no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que leva a cabo a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre