Inicio Galicia A Xunta ofrecerá un sistema de substitución gratuito para as explotacións e...

A Xunta ofrecerá un sistema de substitución gratuito para as explotacións e pequenas industrias agroalimentarias con persoal en corentena pola covid-19

0
image_gallery.jpg

Feijóo incide en que é fundamental para que as explotacións agrogandeiras poidan subsistir, para os titulares das mesmas, pero tamén para a cadea de industria da alimentación en Galicia


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, que a Xunta ofrecerá un sistema de substitución, totalmente gratuíto, para as explotacións e pequenas industrias agroalimentarias que teñan persoal en corentena pola covid-19.

Feijóo incidiu en que “é fundamental para que as explotacións agrogandeiras poidan subsistir; é fundamental para os titulares das mesmas, pero tamén é fundamental para a cadea de industria da alimentación en Galicia e para que non haxa efectos complicados e que haxa algunha explotación que teña que pechar como consecuencia de non poder atender os aspectos básicos do funcionamento ordinario das mesmas”. Deste xeito, en caso de detectar algún caso de covid-19 e da obrigatoriedade de gardar corentena, o titular da explotación ou pequena industria con algunha persoa confinada poderá solicitar este servizo para, por exemplo, “a alimentación do gando, o muxido das vacas en ordeño ou a xestión de produtos perecedoiros”, detallou o presidente da Xunta.

Feijóo explicou que este servizo, encomendado á empresa pública Seaga, estará dotado con 1.600 días de traballo mediante cuadrillas de 2 persoas dotadas de vehículo e dos materiais de protección laboral e sanitarios fronte á covid-19.

Esta medida vense sumar ao resto de iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para apoiar ao sector primario ante a pandemia como: a canle de comercialización Mercaproximidade ou a compra directa de alimentos por parte da Xunta a través desa canle para a súa posterior cesión a entidades benéficas e hospitais. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre