Inicio Galicia A Xunta ofrece tres cursos gratuítos para que os profesionais do turismo...

A Xunta ofrece tres cursos gratuítos para que os profesionais do turismo se formen en idiomas e en accións no medio natural

0

Celebraranse os días 18, 19, 26 e 29 de novembro e permitirán dotar aos participantes de ferramentas para mellorar as súas destrezas profesionais


A Xunta de Galicia ofrece en novembro tres cursos gratuítos para que profesionais do sector turístico melloren as súas destrezas en idiomas e afonden no coñecemento de turismo especializado en entornos naturais, para os que está aberto o prazo de preinscrición.

No eido dos idiomas organizarase unha acción formativa de inmersión lingüística en inglés, durante dous días de convivencia, na que os participantes poderán facer uso do idioma dun modo práctico en situacións similares ás do seu día a día vinculado a diferentes sectores do turismo. Celebrarase os días 18 e 19 de novembro no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), en Santiago de Compostela, e está dirixido a guías e informadores turísticos, persoal de hoteis e restaurantes en contacto directo cos clientes, persoal de programación e comercialización turística así como outros profesionais do sector turístico en contacto con clientes estranxeiros.

Para mellorar as destrezas lingüísticas tamén se celebrará o curso Mediación multilingüe na actividade turística. Será o martes 26 de novembro no CSHG. Esta acción formativa ten como obxecto principal achegar ferramentas de comunicación prácticas en tres idiomas: alemán, francés e inglés, para facer fronte a todas as situacións nas que un grupo de clientes simultaneamente fala diferentes idiomas.

O 29 de novembro terá lugar a terceira acción formativa. Co título A actividade turística nun espazo natural. Zona transfronteiriza Reserva da Biosfera Gerês-Xurés celebrarase en Lobios (Ourense) e está dirixido aos profesionais que traballan nesa zona. O obxectivo é contribuír ao desenvolvemento, a crear unha oferta atractiva de produtos turístico e fomentar iniciativas turísticas nesa comarca.

As persoas interesadas en participar e obter máis información poden realizar as súas consultas en www.turismo.gal.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre