Inicio Galicia A Xunta ofrece prazas na residencia pública do Carballiño a todas as...

A Xunta ofrece prazas na residencia pública do Carballiño a todas as persoas maiores usuarias das vivendas comunitarias Burón I e II

0

Neste centro da Administración autonómica poderán recibir a atención sociosanitaria que precisan

A Xunta de Galicia vén de ofrecer ás persoas maiores que eran usuarias das vivendas comunitarias Burón I e II, na Fonsagrada, pechadas cautelarmente o pasado mércores, prazas na residencia pública do Carballiño, onde poderán recibir a atención sociosanitaria que precisan e un seguimento individualizado da súa evolución.

A Administración autonómica púxose en contacto coas familias destas persoas maiores para trasladarlles a dispoñibilidade destas prazas públicas. Deste xeito, ofrécese a posibilidade de que estas persoas poidan seguir residindo xuntas. Os traslados comezarán a medida que estas persoas vaian abandonando o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), onde recibiron un chequeo completo.

Cómpre recordar que o peche cautelar destas vivendas comunitarias e o traslado de todos os seus residentes ditouse inmediatamente despois de que a inspección de servizos sociais recibise un informe dos servizos sociais da Fonsagrada que alertaba de posibles irregularidades.

Os inspectores da Xunta de Galicia desprazáronse de xeito inmediato a estas vivendas comunitarias para corroborar estes feitos, dos que se deu traslado á Garda Civil e á Fiscalía, por se puidesen ser constitutivos de ilícito penal. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre