Inicio Galicia A Xunta ofrece apoio técnico ao Concello de Barreiros para acadar a...

A Xunta ofrece apoio técnico ao Concello de Barreiros para acadar a mellor solución de saneamento en San Miguel de Reinante, que cofinanciará na mesma porcentaxe que a Deputación

0

Vázquez Mourelle explica a necesidade de que o Concello realice un estudo de alternativas para establecer a tecnoloxía máis axeitada para acadar un sistema de depuración eficiente

A Xunta ofrece apoio técnico ao Concello de Barreiros para que realice un estudo de alternativas que lle permita determinar a actuación máis idónea para a mellora do saneamento en San Miguel de Reinante e traslada a súa disposición a cofinanciar a actuación na mesma porcentaxe que a Deputación Provincial de Lugo e o Concello, é dicir, un terzo do investimento.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha reunión coa alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e o concelleiro de Medio Ambiente e Rural, Dámaso Ratoeira, para abordar este proxecto hidráulico.

Vázquez Mourelle explicoulles que o estudo de alternativas por parte do Concello é necesario para establecer cal é a tecnoloxía máis axeitada para acadar un sistema de depuración eficiente na parroquia de San Miguel de Reinante.

Cómpre lembrar que a Xunta lle vén trasladando o seu apoio técnico e financeiro ao Concello de Barreiros coa fin de optimizar o saneamento de augas residuais, que ao igual que o servizo de abastecemento, é de competencia municipal.

Neste sentido, a responsable de Infraestruturas xa lle remitira o ano pasado unha carta á rexedora, ratificando o compromiso de colaboración de Augas de Galicia nesta actuación de saneamento de competencia local.

Consumo responsable de augaPor outra parte, a conselleira recordoulle hoxe á alcaldesa a importancia de promover entre os veciños un consumo responsable da auga, xa que nas comarcas da Mariña e do Ortegal continúa activo o estado de prealerta por posibilidade de seca.

A Oficina Técnica da Seca constatou nunha reunión a semana pasada que as chuvias rexistradas recentemente indican un cambio de tendencia a nivel meteorolóxico e hidrolóxico, pero cómpre manter a prealerta ata que se consolide o aumento do nivel base dos ríos.

Augas de Galicia vén efectuando un seguimento continuo da evolución da totalidade de encoros e ríos. No vindeiro mes de setembro, terá lugar unha nova reunión para analizar de novo a situación e establecer as medidas que correspondan.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre