Inicio Galicia A Xunta ofrece a súa máxima colaboración para contar cun proxecto viable...

A Xunta ofrece a súa máxima colaboración para contar cun proxecto viable e de futuro para Alcoa San Cibrao

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, reitera que a Xunta vai seguir, como ata o de agora, aberta a colaborar e formar parte da solución se esa solución pasa por un proxecto que garanta o mantemento dos postos de traballo e da actividade

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro cos responsables do grupo Liberty House para coñecer o plan de futuro que teñen previsto desenvolver na planta de Alcoa San Cibrao no caso de que a operación de compra-venda da factoría se resolva de forma satisfactoria. Nese sentido, Feijóo trasladoulles a máxima colaboración do Goberno galego e agradeceu a disposición ao diálogo de todas as partes.

Ao termo da xuntanza, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, que tamén participou na mesa multilateral de Alcoa San Cibrao convocada para hoxe, subliñou que a Xunta vai seguir, como ata o de agora, aberta a colaborar e formar parte da solución se esa solución pasa por un proxecto viable e de futuro que garanta o mantemento dos postos de traballo e da actividade dunha factoría esencial para o desenvolvemento económico de toda a comarca da Mariña.

Así, precisou que se lle trasladou a Liberty House a disposición da Xunta a colaborar na tramitación administrativa e no asesoramento técnico para sacar adiante os proxectos definitivos que se inclúan no plan industrial. Ao respecto, engadiu que tamén se lles solicitou que esta planificación vaia acompañada dun plan financeiro e dun cronograma onde se recolla a posible entrada en funcionamento das diferentes actuacións. Conde sinalou que, ademais, o Goberno galego se compromete a incluír estes proxectos nas propostas de Galicia ao Fondo Europeo de Recuperación. “Pedímoslle que se concrete un plan industrial, unha aposta firme para facer investimentos que garantan a viabilidade da planta en San Cibrao e o máximo esforzo para que se poida concretar esa oferta”, explicou o conselleiro, que engadiu que a Alcoa, por outra banda, a Xunta demándalle proactividade para poder acadar ese acordo.Á espera de como avancen as negociacións ao longo das seis semanas de prazo que Alcoa e o comité de empresa se deron para seguir co período de consultas do ERE, Conde insistiu en que este é un momento clave e decisivo para o futuro de Alcoa San Cibrao e o milleiro de familias que dependen dela, polo que instou a aproveitar esta última oportunidade. “Temos iniciado o proceso, son seis semanas, e é agora ou nunca”, enfatizou.

Con este obxectivo, fixo un chamamento á responsabilidade de todas as partes e demandou novamente ao Goberno central que estableza un prezo eléctrico competitivo que permita reducir os custos enerxéticos de factorías como a de Alcoa en San Cibrao. Un marco enerxético indispensable, dixo, para que Alcoa e Liberty House poidan avanzar nas negociacións.

Nese contexto, nada se pode facer se non hai un Estatuto para os consumidores electrointensivos, un sistema de compensacións por custos indirectos de CO², se non se activa o novo mecanismo de xestión da demanda que substitúa a poxa por interrompebilidade e se non hai o compromiso firme do Goberno de avaliar que proxectos do plan industrial de Liberty House poden optar ao Fondo Europeo de Recuperación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre