Inicio Galicia A Xunta oferta máis de 500 prazas en minicampamentos de verán que...

A Xunta oferta máis de 500 prazas en minicampamentos de verán que se desenvolverán en establecementos turísticos de Galicia

0

Diríxense a nenas e nenos entre 10 e 14 anos, que poderán elixir entre 14 programas e instalacións diferentes


A Xunta de Galicia pon en marcha ‘Coñece Galicia’, minicampamentos que se desenvolverán en aloxamentos turísticos distribuídos por toda a xeografía galega en estancias de cinco días, de luns a venres. A Consellería de Política Social xunto coa de Cultura e Turismo impulsan esta iniciativa, que é unha das principais novidades da Campaña de Verán deste 2020 e que completa a programación de campamentos tras a necesaria adaptación das actividades ao novo escenario provocado pola covid-19.

Esta iniciativa, de carácter lúdico e formativo, terá lugar nos meses de xullo e agosto, cunha oferta total de 533 prazas distribuídas nun total de 14 programas e instalacións diferentes. Está dirixida a nenas e nenos empadroados en Galicia que teñan entre 10 e 14 anos no momento da solicitude. O obxectivo deste novidoso programa é apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas, ao mesmo tempo que se fomenta o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, así como o coidado do medio ambiente e o ocio educativo.

Os minicampamentos que se inclúen nesta proposta pódense consultar na páxina web de Xuventude. O prazo de inscrición comezará o vindeiro día 7 de xullo ás 10.00 horas e finalizará ata tres días antes do inicio de cada actividade. A reserva de prazas efectuarase a través do formulario electrónico de inscrición, que estará dispoñible tamén na web de Xuventude. Admítese a inscrición en ata tres quendas de programas, indicando a orde de preferencia de participación. A adxudicación de prazas será por rigorosa orde de inscrición, ata cubrir a totalidade das ofertadas.

Todos os programas teñen un custe total de 125 euros por participante, con descontos do 50% para os membros de familias numerosas e monoparentais, e do 25% para usuarios do Carné Xove. As persoas participantes deberán cumprir as medidas persoais de hixiene e prevención obrigatorias fronte á covid-19.‘Coñece Galicia’ propón unha variada oferta de actividades de cultura urbana e ocio activo, de multiaventura e coñecemento do patrimonio natural e cultural, de turismo de natureza e educación ambiental, de coñecemento de paraxes naturais e mariñas ou de desfrute do medio rural, entre outras alternativas. Os lugares onde terán lugar os minicampamentos son Ribeira; Foz; Monforte; a contorna dos Ancares; Pobra de Trives; O Carballiño; Covelo; Lalín; O Grove; Silleda e as comarcas do Salnés, do Deza e do Morrazo.

A Campaña de Verán deste ano da Xunta, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que comezarán na segunda quincena de xullo e se prolongarán ata comezos do mes de setembro. O vindeiro luns, día 6, a partir das 12.00 horas, celebrarase o sorteo das prazas nas diferentes actividades.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre