Inicio Galicia A Xunta oferta máis de 1.900 prazas no maior concurso de traslados...

A Xunta oferta máis de 1.900 prazas no maior concurso de traslados na historia da Administración autonómica

0

O número de prazas ofertadas aumenta un 46% con respecto á anterior convocatoria de 2015

A Xunta de Galicia oferta 1.914 prazas nun novo concurso para a provisión de postos de traballo vacantes na Administración Xeral que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, o que representa un aumento do 46% no número de prazas respecto á anterior convocatoria de 2015. Ademais, é o maior concurso de traslados na historia da Autonomía.

Máis do 2% destas prazas están dispoñibles para que as solicite persoal doutras administracións. Isto facilitará que funcionarios galegos que neste momento prestan servizos nas distintas administracións españolas poidan incorporarse á Administración autonómica.

O concurso de traslados é un procedemento moi demandado polos empregados públicos. A través deste proceso a Administración cubre os postos de traballo vacantes, e o persoal funcionario pode cambiar voluntariamente do seu posto de traballo a outro que se adapte mellor ás súas preferencias.

Grazas ao concurso de traslados, un empregado público pode obter unha praza nun lugar máis próximo á súa zona de residencia, reducindo así os seus desprazamentos diarios ao posto de traballo e favorecendo a conciliación da súa vida familiar e laboral. Ademais, tamén permite mellorar a progresión profesional dos traballadores, posto que os participantes nos concursos de traslados poden acceder a unha praza de maior nivel.

Como novidade, hai que salientar que a convocatoria deste novo concurso incorpora as melloras e as innovacións precisas para poder dixitalizar os trámites co obxectivo de modernizar a axilizar o proceso.

A través dos concursos para a provisión de postos de traballo, o Goberno galego garante o dereito á mobilidade dos empregados públicos, toda vez que non supón aumento de custos para a Xunta dado que todas as prazas están dotadas orzamentariamente e a provisión faise precisamente con empregados da propia Administración.

Máis opcións de mobilidadeEste concurso ofertará 1.914 prazas, pero as posibilidades de mobilidade que ofrece son maiores porque as prazas dos funcionarios que obteñen destino son posteriormente ofrecidas aos funcionarios en función das súas preferencias. Polo tanto, os funcionarios poden obter non só as 1.914 prazas que se ofrecen, senón tamén aquelas que quedan vacantes polos súas actuais ocupantes. Polo tanto os traslados potenciais duplícanse.

Este concurso afecta aos cinco grupos do Corpo da Administración Xeral: o corpo superior (A1), de xestión (A2), de administrativos (C1), auxiliar (C2) e agrupación profesional –o antigo corpo subalterno-.

A última provisión de postos de traballo para os corpos xerais da Administración Xeral tivo lugar no ano 2015. Naquel momento, foran convocadas para o concurso de traslados 1.310 prazas, con 1.100 prazas adxudicadas e máis de 2.900 participantes. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre