Inicio Galicia A Xunta oferta 530 prazas do plan de formación para as forzas...

A Xunta oferta 530 prazas do plan de formación para as forzas de seguridade que se impartirá en liña debido ao covid-19

0

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o plan de formación continua da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o plan de formación continua da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para o persoal da policía local e demais profesionais das forzas e corpos de seguridade do Estado que traballan en Galicia, é dicir, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil. O plan impartirase na modalidade de teleformación como consecuencia das restriccións derivadas do coronavirus. Inclúe 16 actividades, máis de 400 horas de formación e 530 prazas.

A declaración de emerxencia sanitaria e o estado de alarma, provocaron a suspensión de toda a formación presencial da AGASP,motivo polo cal, a Academia na súa resolución de hoxe publica unha convocatoria de cursos de formación en liña combinados con telepresencia e clases en directo.

Durante os próximos meses impartiranse cursos en materias como a seguridade viaria, así como inspeccións administrativas e de índole dixital, de protección de datos e informático, co obxectivo que os profesionais das forzas de seguridade continúen a actualizar os coñecementos relacionados coa súa actividade profesional e o poidan facer de xeito telemático.

A formación realizarase a través da plataforma de formación en liña, aínda que todos os cursos contarán con probas presenciais finais na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, cuxa data se comunicará cunha antelación suficiente.

O prazo para inscribirse nestes cursos comeza a partir de hoxe e prolongarase ata o 14 de maio. Para matricularse é preciso cubrir o formulario dispoñible na páxina web da AGASP.

Ademais, nos cursos xa convocados para os que xa había alumnos seleccionados e que foron aprazados pola situación actual de emerxencia sanitaria, procedeuse a súa reconversión a formación en liña e comezaranse a impartir en breve.

Por outra parte, a Academia, seguindo as instrucións das autoridades sanitarias, suspendeu as clases o pasado 13 de marzo e decidiu adiantar a parte práctica da formación nos concellos de orixe dos 134 alumnos da 12 promoción de Policía Local. A actividade lectiva de forma presencial prevese retomar unicamente coa volta ás aulas dos alumnos da 12 promoción de policía local garantindo todas as medidas de seguridade sanitaria necesarias.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre