Inicio Galicia A Xunta oferta 33 cursos de formación para persoas desempregadas na comarca...

A Xunta oferta 33 cursos de formación para persoas desempregadas na comarca do Salnés de cara a mellorar as súas opcións de acceso ao mercado de traballo

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, destacou que nesta comarca investiranse 1,25 millóns de euros dentro do Plan Galego de Formación 2019-20

A Xunta de Galicia ofertará nas próximas semanas 33 cursos de formación para persoas desempregadas na comarca do Salnés de cara a incrementar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral. Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, quen destacou que se trata dunha oferta de cursos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para traballadores e traballadoras sen emprego.

Cores Tourís informou de que nestes cursos invístense 11,9 millóns de euros na provincia de Pontevedra, dos cales, 1,25 millóns euros corresponden á comarca do Salnés.

Na comarca do Salnés están programados 33 cursos, organizados por 10 empresas e entidades sen ánimo de lucro así como o concello de Vilanova de Arousa. Como todos os anos, engadiu o delegado territorial, “é tamén destacable a implicación dos axentes sociais, tanto das organizacións empresariais así como das entidades sociais”.

Nesta área os cursos estarán centrados no eido educativo, na creación de microempresas, auxiliares de servizos, nos sistemas informáticos, na formación en peiteado, inglés e organización de transporte, así como na condución de vehículos pesados.

Tal e como explicou o delegado territorial, os alumnos e alumnas poderán escoller o centro e a acción formativa que se impartirá en empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos que son os adxudicatarios das axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ademais, os centros de formación terán a posibilidade de seleccionar directamente ao alumnado. Ata o de agora a elección só correspondía ao Servizo Público de Emprego de Galicia.

Así, o alumnado poderá solicitar o centro e a materia na que se desexa formar a través do portal de Emprego https://emprego.xunta.gal/portal/index.php/gl/buscador-de-formacion. A persoa desempregada poderá obter na web toda a información sobre o curso que lle interesa: a data prevista de comezo, o horario, o lugar onde se imparte e os datos de contacto da entidade, así como a posibilidade de solicitar a preinscrición para o posterior proceso de selección que poderá levar a cabo o centro de formación. A cualificación que se imparta permitirá seguir accedendo a certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado e será acorde ás necesidades que demanda o tecido empresarial.

Tal e como explicou o delegado territorial, a Xunta continúa, a través de iniciativas como estas, impulsando os cursos de formación dirixidos a persoas desempregadas, xa que este tipo de accións formativas alcanzan de media unha inserción laboral próxima ao 60%. Na selección do alumnado terán preferencia as mulleres, parados de longa duración, menores de 30 anos, emigrantes retornados, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, alumnos con baixa cualificación ou persoas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen certificados parciais.“A formación para persoas desempregadas e ocupadas é un reto prioritario para o Goberno galego”, rematou Cores Tourís. Por iso, ten en marcha outro tipo de programas, como son as Unidades formativas na empresa; os obradoiros duais; ou os plans formativos para sectores específicos, como a automoción, o naval ou o forestal. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre