Inicio Galicia A Xunta oferta 1500 prazas nunha trintena de campamentos de verán que...

A Xunta oferta 1500 prazas nunha trintena de campamentos de verán que se desenvolverán en sete instalacións da provincia de Lugo

0

O prazo de solicitudes ábrese hoxe e prolongarase durante sete días hábiles

A Consellería de Política Social oferta este ano 1514 prazas nunha trintena de campamentos de verán para rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos, ambos incluídos, que se celebrarán en sete instalacións da provincia de Lugo entre xullo e setembro.

A Consellería abre hoxe o prazo de solicitudes, que se prolongará durante sete días hábiles. A oferta completa, que no conxunto de Galicia ascende a 6872 prazas, pode consultarse no portal de xuventude da Xunta de Galicia.

O número de prazas nos campamentos é inferior ao de anos anteriores debido á limitación do aforo establecido polas autoridades sanitarias por mor da covid-19, pero amplíase a oferta con novas propostas, que se convocarán proximamente. Así, a residencia xuvenil LugI ofrecerá 180 prazas a disposición de entidades e grupos de mozos e mozas.

Ademais, en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, poranse en marcha os minicampamentos “Coñece Galicia”, con estadías de cinco días de duración -de luns a venres- en establecementos turísticos; esta modalidade contará con 170 prazas en Lugo. Por último, como en anos anteriores, convocaranse tamén campos de voluntariado, que ofrecerán 60 prazas na provincia.

PropostasOs campamentos de verán da provincia desenvolveranse en Viveiro, Ribadeo, Portomarín, Palas de Rei, Carballedo, Quiroga e Lugo. Están organizados en diferentes propostas, cada unha cunha programación diversa de actividades que se suceden en varias quendas.

A decisión de convocar este verán os campamentos foi consensuada co Comité Clínico, o cal ve viable a súa realización sempre que se garantan as medidas establecidas polas autoridades sanitarias. Neste sentido, vaise reducir o aforo nas instalacións para garantir a distancia interpersoal entre participantes e equipo técnico; reforzarase o persoal monitor, que estará previamente formado e traballará con grupos de ata 15 participantes, e incrementaranse as medidas hixiénico-sanitarias de carácter persoal e na propia instalación.

No que respecta ás propostas, a principal novidade é o campamento AYCH Tecnolóxico que terá lugar no Lug2 e contará con tres edicións. Estas instalacións tamén albergarán dúas quendas dun campamento artístico titulado “O musical”.

O albergue xuvenil de Area en Viveiro ofrece catro campamentos sobre o “Ambiente mariño e a náutica”. O albergue xuvenil Benigno Quiroga (Portomarín) acollerá cinco campamentos baixo o título “A miña primeira aventura”, para nenos e nenas de 9 anos. Na Devesa, en Ribadeo, haberá tres campamentos de “Multiaventura: Ambiente e mar”, outros tantos da “Acampada ao carón do mar” e un máis titulado “Endevésate co mar”.

O Campamento xuvenil Os Chacotes, de Palas de Rei, acolle dúas edicións do “Aventura-T” e outras tantas de “Multiaventura nos Chacotes”. En Carballedo e arredores desenvólvense catro campamentos do “Adventure Camp”, e no albergue municipal de Quiroga dúas de “Explora o Courel”.

Co obxectivo de que a inclusión social sexa unha realidade ao tempo que se favorece a interacción e a convivencia entre toda a mocidade, as mozas e mozos galegos con discapacidade, en función das limitacións que presenten, poderán decidir sobre a modalidade de participación á que desexan optar: polo procedemento xeral ou polo procedemento das prazas reservadas de inclusión.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre