Inicio Galicia A Xunta non autoriza o traslado das estatuas do Mestre Mateo do...

A Xunta non autoriza o traslado das estatuas do Mestre Mateo do Pazo de Meirás solicitado polos actuais titulares

0

Actúase en base ás medidas cautelares determinadas polo Xulgado que establecen que non se permita a retirada de bens do inmoble mentres se realice o inventario

A Xunta de Galicia vén de informar que non autoriza o traslado as estatuas do Mestre Mateo do seu actual emprazamento no Pazo de Meirás solicitado polos seus actuais titulares. O Goberno autonómico actúa así en base ás medidas cautelares do auto do Xulgado de Primeira Instancia nº 1 da Coruña que determina que non se permita retirada de bens do inmoble mentres se realiza o inventario.

As estatuas de Abraham e Isaac gozan da máxima protección grazas á declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) aprobada pola Xunta o ano pasado e isto supón obrigas legais para os propietarios, entre elas, a obrigatoriedade de comunicar previamente calquera posible traslado. En concreto, a lei 5/2016 do 4 de maio do Patrimonio Cultural de Galicia, recolle que o traslado de bens mobles declarados de interese cultural, como é o caso de ambas estatuas, “deberá ser autorizado pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural e anotado no Rexistro de Bens de Interese Cultural”.

Ante a petición por parte dos seus titulares que vén de producirse, a Xunta actúa en base ao auto xudicial no que se require a colaboración da Consellería de Cultura para realizar o inventario da totalidade dos bens existentes, tanto no interior como no exterior, e, ademais, se indica que en tanto este inventario non se finalice e o xulgado non o autorice expresamente “os propietarios non poden retirar ou trasladar ningún tipo de ben da finca”.

A Xunta entende que a coordinación, colaboración e unidade de acción debe seguir sendo a folla de ruta ata a entrega provisional do Pazo ao Estado, por iso está colaborando en todo o proceso xudicial coa intención de avanzar na defensa dos intereses do patrimonio público. Estase facendo un traballo coordinado que inclúe a creación dun grupo de expertos en coordinación co Concello de Santiago que xa comezou a traballar para analizar o proceso de recuperación das estatuas ante a nova documentación existente e, por outra parte, se está a avanzar na protección da biblioteca de Emilia Pardo Bazán.

Neste sentido, o Goberno autonómico iniciou de xeito urxente o proceso para declarala BIC coa intención de que o expediente se incoe nos próximos días. Inclúe os máis de 7.000 volumes que custodia a Real Academia Galega (RAG) e os ao redor de 3.000 que se atopan en Meirás. A declaración suporá blindar a súa protección e garantir o acceso por parte da cidadanía como unha única colección.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre