Inicio Galicia A Xunta modifica a delimitación e clasificación das zonas de produción de...

A Xunta modifica a delimitación e clasificación das zonas de produción de moluscos bivalvos en Ferrol e Corcubión

0

A Consellería do Mar realiza os cambios tras constatar nos seus controis niveis diferentes de bacteria ‘E. Coli’ dos rexistrados no seu momento e para facilitar o traballo do sector

A Consellería do Mar vén de modificar a delimitación e clasificación das zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas rías de Ferrol e Corcubión tras constatar durante os controis realizados polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) que hai niveis de bacteria E. Coli diferentes dos que determinaron no seu momento a súa clasificación, algo que tamén facilitará o traballo do sector. Os cambios inclúense na orde do 8 de abril de 2019, que modifica a do 8 de setembro de 2006, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.

No caso da zona das Pías, na ría de Ferrol, onde antes había delimitadas dúas zonas de produción -As Pías externa e As Pías-, pasa a contarse con tres áreas de extracción, As Pías interna, As Pías externa agás A Gándara e A Gándara. Este cambio é de especial relevancia tendo en conta que a zona da Gándara, que ata agora non era zona de marisqueo, pasa a selo con ameixa de 35 mm de talle mínimo e con clasificación C provisional, o que posibilitará a extracción de moluscos con destino á depuración natural a través do sistema de reinstalación.

En relación ao talle da ameixa babosa, hai que ter en conta que a ría de Ferrol ten dúas zonas de traballo con distinto talle mínimo, de 38 milímetros (mm) para toda a ría menos a zona máis interior, que ten autorizado un talle de 35 mm debido a maior dificultade de crecemento do molusco. Estes cambios resolven unha vella demanda do sector e fan coincidir o límite entre as dúas zonas de produción coa liña que separa as dúas áreas con distinto talle de ameixa.

Deste xeito, a orde publicada hoxe no DOG supón que a zona As Pías interna agás A Gándara gañe superficie respecto á actual e ocupe toda a área de ameixa de 35 mm de talle. A súa clasificación queda como B estable e deixa de ter asociada a estación da Gándara. Mentres, As Pías externa perde tamaño e inclúe toda a superficie con ameixa babosa de 38 mm, unha zona que queda catalogada como C provisional.

No caso da parte interna da ría de Corcubión, a zona delimitada ata agora e que incluía tanto a extracción de navalla como de outros bivalvos, pasa a subdividirse en tres. A primeira delas incluiría a navalla, o seu principal recurso, e quedaría clasificada como B estable. A segunda zona correspóndese coa praia de Cee, que pasa a ser C estable, e a terceira coa praia de Corcubión, tamén C estable. A orde publicada no DOG entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación, é dicir, mañá 24 de abril.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre