Inicio Galicia A Xunta mobilizará investimentos por 10 M? en proxectos de medio cento...

A Xunta mobilizará investimentos por 10 M? en proxectos de medio cento de empresas para seguir avanzando na Industria 4.0

0

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria da cuarta edición das axudas para proxectos da Industria 4.0, coa que se apoiarán ata seis novas iniciativas colectivas para implantar a fábrica intelixente en sectores estratéxicos da economía galega


A cuarta convocatoria dos premios e axudas a proxectos Industria 4.0, unha iniciativa que impulsa a Xunta cun orzamento de 4,18 millóns de euros, apoiará ata seis novas iniciativas colectivas para seguir avanzando no desenvolvemento en Galicia da fábrica intelixente e conectada en sectores estratéxicos da economía. A previsión da presente edición é mobilizar investimentos por 10 millóns de euros en proxectos de medio cento de empresas coordinadas por organismos intermedios de carácter sectorial, para seguir avanzando na implantación da Industria 4.0 en Galicia.

Tal e como vén de publicar o Diario Oficial de Galicia, o importe das axudas poderá acadar 1,5 millóns de euros para impulsar cada un dos proxectos sectoriais aprobados, co obxecto de facilitar a formación de grupos de empresas amplos e con investimentos de maior calado. O prazo de solicitudes remata o día 31 de marzo.

Cada un dos organismos intermedios promotores dos proxectos seleccionados recibirán un premio, que nesta convocatoria será de 30.000 euros, como compensación polo seu labor na formación de grupos de empresas dispostas a investir no eido da Industria 4.0. Este traballo inclúe a localización, a coordinación e a dinamización dos plans de investimento.

Os proxectos aprobados ao abeiro desta cuarta convocatoria sumaranse aos impulsados polas 128 empresas beneficiaras das tres edicións anteriores, que mobilizan 26,9 millóns de euros en investimentos altamente tecnolóxicos, no eido da industria intelixente e conectada.

Os sectores da automoción, madeira, metal, agroalimentario, naval, aeronáutico e o granito, impulsados polos respectivos clústeres, son os que están a actuar polo de agora como locomotoras da Industria 4.0 en Galicia. As relacionadas coa automatización e a intercomunicación entre máquinas son as tecnoloxías máis empregadas nos proxectos desenvolvidos ata a data, seguidas das vinculadas á sensórica ou a dixitalización de procesos.

Os plans apoiados a través desta liña de axudas, ademais de beneficiar de xeito directo aos traballadores das empresas que acometen investimentos 4.0 e aos dos organismos intermedios, que facilitan a cooperación, están chamados a actuar como investimentos de futuro, ao servir como exemplos a seguir por outras empresas no desenvolvemento da Axenda Industria 4.0.

Neste sentido, esta iniciativa forma parte dos programas de apoios por preto de 67 millóns de euros que está a activar a Consellería de Economía, Emprego e Industria co obxectivo de impulsar a transformación dixital do tecido empresarial galego e o modelo da Industria 4.0. Trátase de iniciativas das que se poderán beneficiar tanto as empresas, especialmente as pemes, como os centros tecnolóxicos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre