Inicio Galicia A Xunta mobilizará este ano máis de 5.000 hectáreas de terras agrarias...

A Xunta mobilizará este ano máis de 5.000 hectáreas de terras agrarias con figuras como os polígonos agroforestais

0

José González destacou tamén os labores vinculados coa creación de aldeas modelo e explicou que con estas iniciativas se trata de actuar agrupando e poñendo en produción parcelas en desuso ou abandonadas


Covelo (Pontevedra), 7 de febreiro de 2020.- A Consellería do Medio Rural vai mobilizar este ano máis de 5.000 hectáreas de terras agrarias en toda Galicia. Será a través de iniciativas como os polígonos agroforestais, que permitirán poñer en valor terreos en desuso ou abandonados, para que volvan de novo a estar en produción. O obxectivo de todas estas iniciativas é tamén o de dotar de base territorial ás explotacións, entre outras, de viñedo, como as que predominan nos concellos pontevedreses de Covelo e Crecente, que hoxe visitou o conselleiro para avaliar as diferentes posibilidades de desenvolver estas actuacións no seu territorio.

Estes proxectos súmanse a outros que debullou o conselleiro, en zonas como Cualedro -para vacún de carne en extensivo-, Curtis -para vacún de leite- ou O Carballiño -para cereal autóctono, orientado a fornecer a Indicación Xeográfica Protexida Pan galego-. A maiores, mencionou o plan para recuperar soutos de castiñeiros e o plan de pasteiros nos que tamén está a actuar a Consellería. Trátase, segundo indicou González, de actuar agrupando e poñendo en produción terras, como se viña facendo -e se vai continuar- a través das reestruturacións parcelarias, actuando en grandes superficies de terreo, no canto de ir parcela por parcela, con carácter individual.

En concreto, no que atinxe a Covelo, o conselleiro explicou que se estuda a posibilidade de crear neste concello unha aldea modelo, cunha orientación produtiva cara a gandaría extensiva e ademais mobilizar pasteiros no lugar da Graña, unha iniciativa esta última que suporía actuar sobre unhas 200 hectáreas cun investimento de máis de 190.000 euros. No caso de Crecente, onde tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, González sinalou que se analizan varias opcións de aldeas modelo, xunto cun proxecto de mobilidade de terras relacionado co viñedo no polígono de Vilar.

A maiores, o conselleiro destacou que que a Consellería traballa tamén na roza e limpeza de seis aldeas modelo en diferentes puntos de Galicia e que os labores previstos nelas, e nas máis de 20 que se están a tramitar en toda a comunidade, suporán mobilizar máis de 600 hectáreas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre