Inicio Galicia A Xunta mellorará o firme en varios treitos da LU-633 e reforzará...

A Xunta mellorará o firme en varios treitos da LU-633 e reforzará as medidas de seguridade nas travesías de Samos, Triacastela e Paradela

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o orzamento total das actuacións é de 163.700 euros

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acometerá melloras na estrada autonómica LU-633, para as que destina un orzamento total de 163.700 euros. O proxecto inclúe a execución de obras de reforzo do firme en distintos puntos entre os termos municipais de Samos e Portomarín, así como intervencións específicas para incrementar a seguridade nas travesías de Samos, Triacastela e Paradela.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen indicou que os traballos serán realizados con cargo ao contrato de conservación ordinaria e vialidade das estradas da rede autonómica da zona sur da provincia, que coordina a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

As actuacións comezarán polas obras de reforzo do firme, cuxo inicio está previsto para o vindeiro mes. O investimento nestes traballos será de 82.700 euros, para facer reparacións localizadas en diferentes treitos entre o termo municipal de Samos (punto quilométrico 30,600) e Alto do Hospital, en Portomarín (pq 80,650).

A iniciativa contribuirá a rehabilitar o pavimento nas partes deste tramo nas que está deteriorado, mediante fresados localizados e a reposición posterior da calzada con mestura asfáltica en quente. Un dos puntos nos que se levarán a cabo estas melloras será a intersección en Castroncán (Samos) coa estrada LU-641, que conecta co termo municipal do Incio.

Polo que respecta ás travesías, a AXI instalará elementos redutores da velocidade, como pasos sobreelevados de peóns, así como bandas transversais de alerta. Ademais, reforzarase a sinalización vertical. No caso de Samos, as medidas para mellorar a seguridade viaria na travesía dan resposta a demandas da asociación de comerciantes do municipio e serán completadas coa redución do límite máximo de velocidade a 40 km/hora neste treito. Estas accións suporán un investimento de 81.000 euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre