Inicio Galicia A Xunta mellorará a cobertura de telefonía móbil en núcleos rurais de...

A Xunta mellorará a cobertura de telefonía móbil en núcleos rurais de ata 118 concellos de Galicia grazas a un acordo coa Fegamp

0

Feijóo destaca que contará cun investimento que poderá chegar aos 5 M€

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, dunha iniciativa para mellorar a cobertura de telefonía móbil en zonas rurais, cun investimento de ata 5 M€. Será posible grazas a sinatura dun acordo marco coa Federación Galega de Municipios (Fegamp), que se materializará nos vindeiros días.

No que respecta aos pasos a seguir por parte dos concellos interesados, o presidente da Xunta explicou que estes deberán presentar, no prazo que se habilitará inmediatamente despois de asinar o dito acordo, un proxecto que inclúa: a posta á disposición dun terreo adecuado segundo os criterios técnicos e comprometerse a abordar a acometida eléctrica, para o que poden solicitar unha axuda máxima de 30.000 €.

A continuación, dixo, os concellos que cumpran os requisitos integraranse nun proxecto que se desenvolverá a través dunha encomenda ao operador público Retegal para a construción das torres e unha convocatoria pública a operadores en concorrencia competitiva. E, pola súa banda, engadiu, a adxudicación do proxecto está prevista para finais do primeiro semestre de 2020.

O presidente da Xunta salientou ademais que en total poderán beneficiarse núcleos de ata 118 concellos do ámbito rural nos que se ten detectado algún problema coa cobertura móbil. A maioría deles, subliñou, teñen menos de 10 habitantes, pero algúns son destinos turísticos ou están situados no Camiño de Santiago.

Nese sentido, Feijóo explicou que, tras solicitar reiteradamente ao Estado a inclusión da cobertura móbil dentro do servizo universal de telecomunicacións, decidiuse optar por esta solución alternativa, semellante a outras que se están a levar a cabo en Italia e que tamén se están a analizar en Alemaña.

Por último, o titular do Goberno galego situou esta iniciativa nun contexto de esforzo por mellorar o acceso a internet e, neste ámbito, destacou que entre 2010 e 2020 a Xunta terá investidos 185 M€ de fondos públicos.

A maiores, concluíu destacando o obxectivo de incrementar a porcentaxe de galegos con acceso a redes ultrarrápidas que permitirán que o 90% dos galegos teñan acceso a internet de 100 Mbps en 2021. Na actualidade e segundo os datos do ministerio “máis do 99% dos galegos dispoñen de acceso a internet a través de redes fixas sen fíos”, afirmou. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre