Inicio Galicia A Xunta mellora os recursos de atención primaria nos concellos ourensáns da...

A Xunta mellora os recursos de atención primaria nos concellos ourensáns da Arnoia, Barbadás, Celanova e Sandiás

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de axudas deste ano na que a Xunta destina na provincia ourensá máis de 105.000 euros á mellora de dúas Escolas Infantís e doutros tantos Puntos de Atención á Infancia


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria de axudas deste ano para a mellora de Escolas Infantís e Puntos de Atención á Infancia (PAI) dependentes das corporacións locais, pola que resultaron beneficiarios recursos de atención primaria de catro concellos da provincia de Ourense por un importe de máis de 105.000 euros. Con este motivo, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o Punto de Atención á Infancia de Sandiás, que xunto co PAI da Arnoia e as Escolas Infantís de Celanova e Barbadas son os centros ourensáns nos que executarán melloras grazas a estes apoios.

No caso do PAI de Sandiás, a Xunta concedeulle 26.400 euros para obras de acondicionamento, adquisición de mobiliario e de novas tecnoloxías con cargo a esta orde de axudas, que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Durante a visita Díaz Mouteira coñeceu as melloras que se realizarán neste centro e que consistirán na instalación de falso teito acústico con illamento térmico e substitución da iluminación por leds, así como na cubrición de parte do patio exterior para ampliar a zona de xogos cuberta. Ademais, se adquirirá mobiliario e novo material didáctico e de xogo, así como dispositivos para a integración de novas tecnoloxías na aula (ordenador, impresora, proxector e mesa interactiva).

A delegada territorial considera fundamental mellorar os centros da rede galega de recursos para menores de 0 a 3 anos que xa veñen funcionando, o que repercutirá na mellora da calidade da atención recibida, ademais de apoiar a conciliación e contribuír a fixar poboación no rural.

A representante do Goberno galego en Ourense enmarcou a colaboración da Xunta cos concellos galegos que conten cun destes recursos e precisen adecuar ou mellorar estes centros con novos equipamentos, servizos e/ou material educativo, na liña de apoios que forman parte do Programa de apoio á natalidade (PAN) da Xunta.

O obxectivo destes apoios da Consellería de Política Social é que as nenas e os nenos teñan as mellores instalacións, favorecendo ambientes adecuados ás súas necesidades.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre