Inicio Galicia A Xunta mellora os espazos, o arquivo e o sistema de vixilancia...

A Xunta mellora os espazos, o arquivo e o sistema de vixilancia dos xulgados de Viveiro

0

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitaron hoxe o edificio xudicial

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitaron hoxe o edificio xudicial de Viveiro, onde a Xunta está programando diversas melloras para habilitar novos espazos para arquivo xudicial e instalar novos sistemas de vixilancia.

Para mellorar os espazos, o Concello de Viveiro cedeu á Xunta a planta baixa e parte da primeira, onde se atopaba anteriormente a biblioteca municipal. Xa se procedeu a baleirar e limpar estes espazos, de xeito que en próximas datas se poderá dar comezo progresivamente ao traslado do arquivo xudicial a esta nova ubicación.

Deste xeito, grazas á colaboración institucional, poderanse reordenar máis espazos, xa que o traslado do arquivo liberará, á súa vez, espazos que se aproveitarán para outros fins, entre os que destaca a habilitación dun espazo axeitado para a atención ás vítimas e, nomeadamente, das vítimas de violencia de xénero.

Tamén, en relación ás melloras do arquivo xudicial, vense de contratar un servizo de acondicionamento e catalogación da documentación xudicial custodiada no arquivo do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 2 de Viveiro. Estes traballos, dotados cun investimento de 19.000 euros, céntranse na descrición, ordenación e clasificación da documentación xudicial e codificación das series documentais. Isto permitirá posteriormente a realización dun proceso de expurgo. Estas melloras terán continuidade nos vindeiros anos, co obxectivo de acondicionar a totalidade do arquivo xudicial de Viveiro.

Por último, xa é unha realidade a mellora no servizo de vixilancia do edificio xudicial, no que a Xunta mellorou a seguridade pasiva das instalacións mediante a incorporación de novos sistemas. En concreto, en Viveiro investíronse algo máis de 14.000 euros para instalar un novo sistema CCTV, dotado de 8 cámaras (7 interiores e 1 exterior), 1 monitor de 24 pulgadas, 1 gravador, 2 discos duros, 1 sistema de alimentación ininterrompida e todo o equipamento necesario para que funcione correctamente.

Estas melloras na seguridade forman parte dun proxecto da Xunta a nivel autonómico. Nunha primeira fase, renováronse as cámaras de vixilancia de 16 edificios xudiciais das cidades e das vilas con maior número de órganos xudiciais. Na segunda fase estase actuando nos edificios dos partidos xudiciais máis poboados que albergan dous xulgados, entre os que se atopa Viveiro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre