Inicio Galicia A Xunta mantén o seu compromiso co proxecto de rehabilitación e reforma...

A Xunta mantén o seu compromiso co proxecto de rehabilitación e reforma de espazos públicos na contorna do auditorio de Vilalba

0

No ano 2018 o Instituto Galego da Vivenda e Solo propuxo unha intervención conxunta entre o Goberno galego e o local para recuperar a zona comprendida entre o Auditorio e a praza de Santa María, onde a Xunta posúe dous inmobles

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda continúa apostando pola actuación de recuperación da zona do Auditorio municipal e as traseiras da igrexa parroquial de Vilalba, tal e como llo propuxo ao Concello no ano 2018 e para a que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) redactou un proxecto básico que foi remitido ao Goberno vilalbés en 2019.

A iniciativa do IGVS consistiu en suxerir unha actuación conxunta por parte de ambas administracións para a rehabilitación de inmobles, a demolición doutro e a creación de novos espazos públicos mediante traballos de humanización da zona, incluído o solar no que se localiza un inmoble a demoler propiedade da Xunta.

Para concretar a súa proposta, o organismo autonómico redactou un anteproxecto cos detalles da intervención prevista, incluíndo tanto a rehabilitación dun edificio para destinalo a vivendas de promoción pública, como a recuperación do espazo urbano arredor do Auditorio. Este anteproxecto foille remitido ao Concello de Vilalba en xaneiro do ano pasado, co obxectivo de poder proseguir coa tramitación.

Sen embargo, transcorridos case dous anos desde esta comunicación, o IGVS segue sen recibir unha resposta por parte do Goberno vilalbés, que en ningún momento lle comunicou que dispuxese dos permisos correspondentes nin do financiamento necesario para a realización das obras en espazos públicos que permitisen seguir adiante co proxecto elaborado en 2018.

O Concello limitouse a reclamar, a través dos medios de comunicación, a demolición dun inmoble por parte da Xunta de Galicia, sen establecer ningún tipo de comunicación co Instituto.

A aposta do IGVS pola rehabilitación de vivendas en Vilalba queda acreditada tamén coa licitación o pasado mes de xuño das obras para a recuperación de dous inmobles, emprazados nas rúas Concepción Arenal e Ferrería e a cuxa execución o ente autonómico destinará preto de 400.000 euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre