Inicio Galicia A Xunta mantén como prioridade incrementar o recoñecemento social, económico e institucional...

A Xunta mantén como prioridade incrementar o recoñecemento social, económico e institucional das mulleres do rural

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro do Medio Rural, José González, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participaron hoxe nunha xornada con motivo do Día Internacional da Muller Rural


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe, no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller Rural, a importancia da actividade das mulleres no rural galego como motor para evitar o despoboamento e para o crecemento dos seus concellos. Por iso, incidiu en que o Goberno galego ten como prioridade incrementar o recoñecemento social, económico e institucional que merecen as mulleres rurais.

Alfonso Rueda clausurou hoxe a xornada “A importancia da muller no mundo rural”, organizada pola Asociación Amigos do Capítulo Serenísimo do Viño Albariño-Rías Baixas Neste acto tamén participou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, que inaugurou a xornada, e o conselleiro do Medio Rural, que impartiu a conferencia “Galicia, nai da política rural”. Ao evento acudiu ademais o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

O vicepresidente da Xunta resaltou que para acadar a igualdade entre mulleres e homes no rural galego é preciso visibilizar e recoñecer o traballo das mulleres, garantirlles a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral, así como impulsar a súa capacidade de emprendemento e promover medidas que faciliten a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral nun escenario de corresponsabilidade.

A través do VII Plan Estratéxico de Galicia para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2017-2020, a Xunta traballa para reducir a fenda de xénero no emprego e o emprendemento, no fomento da conciliación e no apoio ao empoderamento das mulleres rurais coa promoción dunha maior presenza feminina en postos directivos e de decisión de organizacións agrarias, cooperativas ou grupos de desenvolvemento rural. A Administración autonómica tamén pretende con este plan fortalecer o movemento asociativo feminino como vía para acadar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes ou reducir a brecha dixital con accións formativas sobre o uso das TIC.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou na súa intervención algunhas das medidas coas que a Xunta apoia o empoderamento económico como o programa Emega para o fomento do emprendemento feminino, que financia a posta en marcha de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Para fomentar a conciliación e a corresponsabilidade, a Administración autonómica conta cunha liña de axudas destinadas á redución da xornada laboral dos homes e familias monoparentais, con fillos menores de tres anos ao seu cargo. Galicia foi ademais a primeira comunidade en dotarse dun Plan de Conciliación e Corresponsabilidade aprobado o ano pasado que aposta por políticas a prol da conciliación da vida persoal, familiar e laboral e da corresponsabilidade.

Galicia, nai das políticas ruraisPola súa parte, o conselleiro do Medio Rural, José González, participou na xornada cun relatorio titulado ‘Galicia, nai das políticas rurais’. Alí destacou que a nosa comunidade acollerá o vindeiro mes de novembro un congreso internacional, con participación da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), sobre desenvolvemento rural, onde as mulleres serán protagonistas nun dos catro módulos do foro, o de “Mulleres liderando o mundo rural”, que versará sobre o empoderamento feminino.

Este congreso celebrarase no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura entre o 5 e o 8 de novembro próximos e estruturarase nos referidos catro módulos: un será o Landnet Workshop, unha conferencia de carácter internacional da rede Farland da FAO, na que participan 20 países de todo o mundo, dedicada á mobilidade e ao mercado de terras; outro acerca do turismo, no que o Xacobeo 2021 terá un papel destacado; un terceiro arredor do comercio e os produtos de calidade e o cuarto xa referido, no que as protagonistas serán as mulleres do rural.

No marco do encontro de hoxe, o conselleiro puxo de manifesto o peso da muller no agro galego, pois o 50% dos titulares das explotacións gandeiras da nosa comunidade son mulleres, é dicir, máis do dobre da media nacional, que está nun 22,6%. Así, sinalou que a través deste congreso mundial se porá en valor a figura feminina e o seu papel decisivo no mundo familiar e laboral, xa que son cada vez máis os casos onde as mulleres en zonas rurais desenvolven negocios sustentables.

Durante a súa intervención, o conselleiro matizou que estes datos reflicten a importancia que ten a muller no medio rural, polo que é preciso fomentar un agro que aposte pola igualdade e promova a erradicación de prexuízos e estereotipos. Así, sinalou que o rural de Galicia está a experimentar un cambio de actitude e destacou que a formación e a innovación no ámbito agrario é vital para que este teña futuro e diversidade de oportunidades.

Neste senso, José González subliñou que, nun mundo cada vez máis globalizado, é de extrema necesidade o estímulo da formación, da investigación e da innovación no desenvolvemento dos principais sectores produtivos para poder competir en igualdade de condicións. Por iso, o seu departamento aposta por un rural que invista en I+D+i, capaz de crear emprego e oportunidades á vez que elimina as disimetrías entre o urbano e o rural. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre