Inicio Galicia A Xunta mantén as xornadas de portas abertas das rutas dos viños...

A Xunta mantén as xornadas de portas abertas das rutas dos viños de Galicia adaptando o programa ás novas restricións

0

Quedan suspendidos todos os buses do viño, pero continúan as visitas ás adegas, así como as actividades especiais nas que se poidan cumprir cos aforos

Con motivo da entrada en vigor das novas restricións establecidas pola Consellería de Sanidade para facer fronte ao avance da covid-19, a Xunta de Galicia, en acordo coas cinco rutas dos viños de Galicia, decidiu manter a celebración das Xornadas de portas abertas nas rutas dos viños de Galicia nas datas inicialmente previstas, adoptando as modificacións que sexan precisas no programa inicialmente previsto.

Deste xeito, quedan cancelados todos os buses do viño inicialmente previstos no programa, como consecuencia das limitacións de aforos e de reunión de grupos dun máximo de cinco persoas. Sen embargo, as adegas e museos adheridos ao programa manterán a súas portas abertas nos horarios establecidos. De igual maneira, mantéñense as visitas programadas ás adegas, así como os menús nos restaurantes e as ofertas especiais nos aloxamentos adheridos a cada unha das rutas, respectando sempre as normativas e aforos establecidos. En canto ás actividades especiais programadas por cada unha das rutas, manteranse sempre e cando cumpran o establecido nas novas restricións.

Seguindo a programación prevista, esta fin de semana terán lugar as xornadas de portas abertas na Ruta do viño do Ribeiro e na Ruta do viño das Rías Baixas, mentres que para o 30 de outubro e o 1 de novembro se celebrarán nos outros tres territorios vitivinícolas de Galicia: Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras.

Xa que logo, e pese as lóxicas restricións que hai que adoptar pola seguridade de todas as persoas participantes, a Xunta de Galicia e mailas cinco rutas dos viños manifestan a súa vontade de manter o núcleo esencial desta actividade anual do enoturismo de Galicia, posibilitando un ano máis que todos os interesados poidan visitar as mellores adegas galegas e degustar e coñecer un pouco mellor os viños das cinco denominacións de orixe galegas.

Para participar en calquera actividade será preciso verificar con cada unha das rutas a súa celebración e inscribirse previamente, así como cumprir cos protocolos e normativas hixiénico-sanitarias establecidas. Máis información www.turismo.gal  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre