Inicio Galicia A Xunta mantén aberto ata o 30 de decembro o prazo para...

A Xunta mantén aberto ata o 30 de decembro o prazo para solicitar apoios para a contratación de xestores de internacionalización

0

O programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria conta cun orzamento dun millón de euros


A Xunta mantén aberto ata o 30 de decembro o prazo de presentación de solicitude das axudas dirixidas a empresas e organismos empresariais (clústeres, asociacións, consellos reguladores, centros tecnolóxicos ou de apoio á innovación tecnolóxica, entre outros) para a contratación de xestores de comercio exterior que reforcen o desenvolvemento de proxectos de internacionalización.

Cun orzamento dun millón de euros, o obxectivo deste programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria é impulsar a presenza exterior das empresas galegas e ao mesmo tempo facilitar a incorporación ao mercado laboral de profesionais neste ámbito.

As axudas prevén facilitar a contratación de 50 mozos con formación en internacionalización empresarial e, como novidade este ano, de persoas maiores de 45 anos en situación de desemprego que conten con experiencia neste campo. Os apoios poden cubrir o 70% do salario neto por un máximo de 15 meses ou o 80% do salario neto no caso da contratación de mulleres ou mozos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Admitirase a posibilidade de contratación de ata dous xestores por empresa.

Con esta actuación, o Goberno galego continúa a desenvolver a súa aposta pola internacionalización do tecido empresarial como un dos piares do crecemento económico. A Administración autonómica está a promover 1500 accións en máis de 100 países, nas que participan máis de 1300 pemes galegas, a través dos programas Galicia Exporta Organismos Intermedios, Galicia Exporta Empresas e o Foexga.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre