Inicio Galicia A Xunta mantén aberta ata o 9 de decembro a convocatoria dos...

A Xunta mantén aberta ata o 9 de decembro a convocatoria dos primeiros Premios Galicia de Innovación e Deseño

0
image_gallery.jpg

Os galardóns, convocados a través da Axencia Galega de Innovación, buscan o recoñecemento de profesionais e empresas referentes no desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e o deseño


Os profesionais e empresas interesados en presentarse á primeira edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño teñen aínda un mes de prazo para formalizar a súa candidatura. A convocatoria realizada pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) para recoñecer a destacada contribución de profesionais e empresas ao desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e o deseño está aberta ata o 9 de decembro.

O certame conta con seis categorías. Tres delas están especificamente dirixidas a recoñecer a aqueles profesionais e empresas galegas que teñen a innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial. A categoría de traxectoria innovadora recoñecerá a empresarios e profesionais cunha experiencia de polo menos dez anos na que a innovación tivese un papel relevante. As categorías de gran empresa e pemes distinguirán as compañías cunha actividade innovadora destacada de polo menos dez e cinco anos, respectivamente.

As outras tres categorías distinguirán aos profesionais e empresas que contribúen significativamente á mellora do prestixio do deseño galego e as compañías que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como motor de innovación e competitividade. Un destes premios será para profesionais cunha traxectoria de dez ou máis anos, outro para empresas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante unha década como mínimo e outro para deseñadores e deseñadoras menores de 35 anos de idade e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.

Os recoñecementos para a traxectoria innovadora na categoría de gran empresa e o premio para empresas no apartado de deseño terán carácter honorífico, e todos os demais terán unha dotación económica de 15.000 euros cada un. Entre os criterios de avaliación, os xurados das categorías de innovación terán en conta a traxectoria e actividade innovadora, así como o posicionamento e o impacto da innovación na mellora da capacidade competitiva. Os xurados dos galardóns de deseño valorarán a traxectoria e achega realizada, así como o impulso á innovación a través dos seus proxectos de deseño.

Mediante a convocatoria destes premios, a Xunta busca destacar as mellores prácticas para que sirvan de inspiración a todo o tecido empresarial, poñendo de relevo como a innovación e o deseño son esenciais para mellorar a competitividade das empresas e, en definitiva, a calidade de vida das persoas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre