Inicio Galicia A Xunta licita por 342.000? a restauración da igrexa de Santo Estevo...

A Xunta licita por 342.000? a restauración da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, unha das xoias da Ribeira Sacra

0

O templo, que goza do máximo nivel de protección desde 1931, será intervido nas súas cubertas e muros para corrixir as súas humidades e filtracións


A Xunta de Galicia levará a cabo as obras de restauración de cubertas e muros na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño para solucionar os problemas de humidades que afectan ao inmoble. A tal fin, no día de hoxe sácase a contratación unha intervención que compromete máis de 342.000 euros e se estenderá por un prazo máximo de nove meses para resolver as patoloxías deste monumento recoñecido como ben de interese cultural (BIC) coa categoría de monumento desde 1931.

San Estevo amosa na actualidade problemas de conservación e mantemento que é preciso estudar para dar unha resposta axeitada que evite o seu deterioro e o dos relevantes bens mobles que acolle. As principais afeccións que cómpre solucionar de maneira prioritaria son as humidades e filtracións existentes tanto na cuberta como na fábrica da igrexa. Así a todo, o proxecto prevé tamén mellorar as condicións de conservación e mantemento dos paramentos exteriores da fábrica; reparar gretas e fisuras; mellorar as condicións de ventilación da igrexa e conservar os elementos escultóricos exteriores do templo.

Traballos de restauraciónAs actuacións concretas previstas no proxecto técnico son a desmontaxe de tellas cerámicas e da estrutura de madeira de castiñeiro, acometendo a recuperación parcial da estrutura nos casos que sexa posible; restaurar a cuberta da nave e ábsida; substituír as fiestras existentes por outras que permitan a ventilación continua, e selar con morteiro de restauración os danos da envolvente, procedendo á recolocación das pezas inestables da cornixa.

Ademais, eliminaranse as plantas vasculares e realizarase unha limpeza manual dos paramentos exteriores; recuperándose os rexuntados históricos existentes, substituíndo os de cemento por outros de morteiro de cal con selección de area para harmonizar coa textura e cor da fábrica. Finalmente, restauraranse os elementos deteriorados das portas principal e lateral da igrexa; redactaranse os proxectos de restauración dos elementos escultóricos da portada, ocos románicos e cornixas, segundo as prescricións técnicas do proxecto, e consolidarase, conservarase e restauraranse os elementos devanditos elementos segundo o previsto nos anteditos proxectos.

Para poder desenvolver os traballos necesarios a Consellería de Cultura e Turismo e a Diocese de Lugo asinaron o pasado mes de xuño un convenio para a posta a disposición da Administración autonómica deste espazo monumental lugués. Elemento emblemático da Ribeira SacraO interior da igrexa, datado a finais do século XII, é similar ao da veciña San Paio de Diomondi; ofrécese nunha soa nave dividida en catro tramos e con teitume a dúas augas de madeira. Como no caso de Diomondi, esta cuberta apóiase sobre grandes arcos transversais oxivais de posible orixe posterior á fábrica principal da igrexa, claramente románica. Estes arcos faxóns arrincan de semicolumnas pegadas, con capiteis a maneira de ménsulas, unidos por unha moldura horizontal que discorre ao longo dos paramentos verticais.

A fachada principal está dividida en dúas partes por un gran tornachoivas de arquiños semicirculares peraltados, apoiados en canzorros decorados con floróns cuadrangulares inclinados. A parte inferior, análoga á da veciña de Diomondi, está formada por unha gran portada abucinada flanqueada por dous grandes arcos cegos de descarga semicirculares rodeados dunha grilanda de piñas. A extraordinaria portada, case un soportal, está formada por catro arquivoltas de medio punto profusamente decoradas.

O cenobio está dedicado a san Estevo, un dos primeiros diáconos da Igrexa que, xunto aos apóstolos, comezaron a evanxelización. Segundo refire o investigador Gonzalo Xosé de Francisco, no século V as súas reliquias foron levadas a Roma, onde se lle dedica unha basílica. O culto esténdese rapidamente por occidente como demostra a profusión da súa titularidade nas igrexas desta zona.

A candidatura da Ribeira Sacra baséase, en boa medida, no gran patrimonio arquitectónico que se concentra neste territorio, o que o converte nunha testemuña excepcional da cristianización do Occidente de Europa que chega até os nosos días. Así, co obxectivo de conservar este legado, a Xunta ten en marcha varios procedementos para a conservación e restauración de inmobles como as igrexas de Santo Estevo de Atán, de San Vicenzo de Pombeiro ou de Santo Estevo de Ribas do Sil.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre