Inicio Galicia A Xunta licita os traballos de restauración da igrexa de Santa Cruz...

A Xunta licita os traballos de restauración da igrexa de Santa Cruz do Incio por valor de 130.000 euros

0

As obras incluirán entre outras actuacións a renovación de instalacións e carpinterías e a actualización e mellora do cadro eléctrico do edificio

A Consellería de Cultura e Turismo licitou as obras de restauración da igrexa de Santa Cruz do Incio, en Lugo, por valor de 130.000 euros. A resolución, publicada na plataforma pública de Contratos de Galicia, recolle que as empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o 24 de xuño.

Os traballos que se realizarán inclúen a incorporación de illamento térmico en toda a superficie da cuberta, o acondicionamento da zona da sancristía coa renovación de instalacións e carpinterías, a execución dunha nova escaleira de acceso á torre, a impermeabilización da cuberta do campanario ou a actualización e mellora da instalación eléctrica do edificio. O obxectivo destas actuacións é evitar filtracións no inmoble, mellorar o illamento térmico do mesmo e facer máis accesibles os espazos públicos da igrexa.

As obras terán un prazo de execución de catro meses e o adxudicatario do contrato deberá acreditar que posúe os coñecementos necesarios no desenvolvemento de traballos en bens protexidos, así como en materia de restauración e conservación do patrimonio cultural. Ademais, os licitadores deberán comprometerse a incluír unha serie de medios mínimos, tanto persoais como materiais, para garantir a correcta execución dos traballos, dada a singularidade do ámbito de actuación e a especialidade das técnicas que se aplicarán.

Exemplo da arquitectura da zonaA igrexa de Santa Cruz do Incio foi construída entre os anos 1961 e 1963 e o seu proxecto urbanístico foi obra do arquitecto José Luis Fernández de Amo, un dos máis importantes representantes da nova arquitectura española do século XX. O templo contén exemplos da arquitectura tradicional da zona, entre os que destacan o uso de lousa na cuberta, a presenza de pedra e panos brancos nas fachadas, o emprego do mármore do Incio no pavimento e outros elementos do interior que aínda se conservan.

No seu deseño tamén colaboraron o escultor José Luís Sánchez Fernández Pepus, que realizou a imaxe da Virxe Dolorosa, a Cruz Procesional e máis o Sagrario, o vidreiro José Luis Gómez Perales, que realizou as vidreiras do Vía Crucis, e os irmáns Atienza que fixeron o resto das lucernarias do templo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre