Inicio Galicia A Xunta licita os traballos de restauración da Igrexa de San Nicolás...

A Xunta licita os traballos de restauración da Igrexa de San Nicolás de Portomarín por un importe de 250.000 euros

0

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o prazo para presentar ofertas está aberto ata o 3 de decembro

A Consellería de Cultura e Turismo vén de licitar os traballos de restauración e conservación da igrexa de San Nicolás ou San Xoán de Portomarín por un importe de 249.226 euros. A resolución, publicada na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, recolle que as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 3 de decembro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que o proxecto inclúe actuacións que afectarán ás cubertas e aos paramentos co obxecto de resolver problemas provocados pola filtración de humidades. O prazo máximo de execución das obras será de seis meses.

Así, a intervención corrixirá a entrada de humidade que se produce a través das cubertas e os sistemas de evacuación das augas de chuvia. Tamén se propón a substitución das reixas entre as ameas por un sistema que evite a entrada de aves nos paseos de rolda, a limpeza da fachada, a restauración das portadas escultóricas do monumento e da vidrería do rosetón da fachada principal e outras accións como a mellora das instalacións de iluminación e ventilación do espazo baixocuberta ou a ocultación da instalación eléctrica vista.

Balseiro apuntou que estas intervencións contribuirán a resolver os problemas detectados na igrexa e a poñela en valor. Segundo lembrou, están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Ben de Interese CulturalA igrexa de San Nicolás ou de San Xoán de Portomarín ten a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de monumento. Foi construída entre os séculos XII e XIII pola Orde Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén, seguindo a tradición dos antigos templos romanos dedicados ao deus Xano.

Ten unha soa nave con dúas portas laterais na cabeceira, unha porta frontal na fachada principal ao oeste e unha ábsida semicircular ao leste. Interiormente destaca a súa altura e a orde románica expresada nas columnas dos muros e fiestras con arcadas de medio punto propias deste estilo. Exteriormente resulta impoñente a súa sinxeleza compositiva, o seu esvelto volume coroado de ameas e as catro pequenas torres que recordan o seu carácter defensivo, o rosetón da fachada principal e a delicada decoración románica. A súa situación orixinal xunto á ponte sobre o río Miño respondía ao control e protección do paso dos peregrinos e comerciantes pola ponte.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre