Inicio Galicia A Xunta licita o primeiro albergue público do Camiño de Inverno coa...

A Xunta licita o primeiro albergue público do Camiño de Inverno coa rehabilitación do Pazo Bispal de Diomondi

0

O Goberno galego destina máis dun millón de euros para facelo mellorando a eficiencia enerxética e readaptando a distribución do inmoble


A Xunta de Galicia vén de publicar no día de hoxe a licitación para rehabilitar o Pazo Bispal de Diomondi, no concello do Saviñao, que se converterá no primeiro albergue de xestión autonómica situado no Camiño de Inverno. Esta actuación, que se enmarca no Plan de Albergues, inclúe unha achega de máis dun millón de euros para facelo mellorando a eficiencia enerxética e readaptando a distribución do inmoble ás necesidades dos peregrinos que percorren esta Ruta Xacobea.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o arquitecto redactor do proxecto, Justo Portela, mantiveron hoxe unha reunión por videoconferencia co alcalde do Saviñao, Juan Carlos Armesto, e a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno, Aída Menéndez, para explicar os detalles da intervención.

Concretamente, as actuacións inclúen a apertura de novos ocos para a iluminación natural, a reparación de gretas nos muros, a reconstrución de muros exteriores e a conservación das envolventes e edificacións anexas. Ademais, renovarase a estrutura, os pavimentos de madeira, os forxados, as mamposterias e as carpinterías.

Ao remate deste proceso o Pazo Bispal de Diomondi quedará distribuído en dous andares con catro dormitorios. Dous estarán na planta baixa, onde tamén se habilitará unha zona de recepción e de atención ao peregrino, un salón de usos múltiples e aseos. Os dous restantes estarán na planta alta xunto cunha zona de aseos, unha cociña, un cuarto de limpeza e unha sala de lecer. En total, este novo albergue ofrecerá un máximo de 33 prazas, unha das cales estará reservada para peregrinos con mobilidade reducida.

O proxecto tamén inclúe o acondicionamento dunha edificación auxiliar que se proxecta unha zona de servizo composta por o lavadoiro, tendedeiro e un cuarto para bicicletas e unha zona para aloxar as instalacións das subministracións do complexo.

A actuación prevista no Pazo Bispal Diomondi permitirá mellorar os servizos que se ofrecen aos peregrinos que percorren o Camiño de Inverno, un trazado que conta cun gran potencial de crecemento e que só no ano pasado foi percorrido por máis de 1000 persoas, o que supón un incremento de preto do 50%. Ademais, é unha ruta que transcorre pola Ribeira Sacra, a candidata de España para ser declarada Patrimonio Mundial pola Unesco no ano 2021 e un territorio singular que supón un exemplo sobranceiro da acción conxunta das persoas e a natureza.

Balseiro subliñou que o proxecto enmárcase no Plan de Albergues da Xunta de Galicia que aposta pola rehabilitación de edificios de valor histórico e patrimonial, como o Pazo de Diomondi, e pola posta en valor das diferentes rutas de peregrinación. Trátase dunha folla de ruta que ten como obxectivo a mellora dos establecementos de acollida ao peregrino diversificando os fluxos de peregrinos e ofrecendo un servizos de calidade en todos itinerarios.

Camiño sustentableA aposta pola rehabilitación de edificios con valor histórico patrimonial encaixa cos valores de sustentabilidade do Camiño de Santiago, un fenómeno vinculado á natureza no que os peregrinos interactúan co territorio, a poboación, a cultura e o patrimonio dun xeito respectuoso e minimizando o impacto co medio natural.

Ademais estas actuacións, que teñen en conta a accesibilidade, reforzan o potencial integrador da Ruta Xacobea, un espazo no que conviven diversas culturas e no que se fomenta a accesibilidade, a igualdade e o equilibrio real entre todos os colectivos da sociedade civil a través de iniciativas nos trazados, na sinalización ou nos propios albergues. De feito, todos os establecementos de xestión autonómica contan con aseos e dormitorios adaptados, pictogramas e paneis con sistema de Braille e bucles magnéticos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre