Inicio Galicia A Xunta licita as obras para transformar a antiga delegación de Sanidade...

A Xunta licita as obras para transformar a antiga delegación de Sanidade na Coruña no Espazo Amizar, cun orzamento de máis de 6,52M?

0

O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 3 de xuño

A Xunta de Galicia licitou hoxe as obras que permitirán transformar a antiga delegación da Consellería de Sanidade na cidade da Coruña no novo Espazo Público Amizar, cun orzamento de licitación de 6.520.198,58 euros. A actuación contempla a rehabilitación integral do referido edificio administrativo, situado no centro da cidade, na rúa Gregorio Hernández, esquina coa avenida Peruleiro.

O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o vindeiro 3 de xuño. Ademais desta licitación, a Axencia Galega de Infraestruturas tamén publica hoxe outras tres licitacións complementarias: a dirección de obra, a dirección de execución de obra e a coordinación de seguridade e saúde.

O novo Espazo Público Amizar suporá a rehabilitación dunha extensión duns 5.500 metros cadrados para ofrecer mellores servizos e xerar novas oportunidades. A actuación prevista neste edificio -proxectado en 1971- está deseñada para dar resposta ás necesidades e aos diferentes usos aos que se destinarán as instalacións: oficina de emprego, sede de entidades sociais e sanitarias sen ánimo de lucro e oficinas administrativas da propia Xunta. O edificio contará cun salón de actos de común para todos os usuarios do Espazo Amizar.

Características da actuaciónA antiga sede da Consellería de Sanidade é un conxunto formado por un edificio principal destinado no seu día á Xefatura Provincial e composto de dúas pezas, unha prismática de cinco plantas e planta rectangular -que dá fronte á rúa Gregorio Hernández- e outra con planta ovalada e catro plantas que ocupa o interior da parcela. Estas dúas pezas atópanse unidas por unha zona de paso nas diferentes plantas. Estes edificios están en desuso, salvo unha pequena superficie no volume prismático na que se sitúa a Base Medicalizada Terrestre do 061.

Ademais, na parte sur da parcela, existe outro edificio de menor tamaño, de dúas plantas, atopándose a primeira en desuso, mentres que a planta baixa utilízase coma arquivo. Neste edificio situarase a futura sede do 061, que será obxecto dun proxecto independente.

A actuación deseñada desenvolverase no actual solar -de 4.248 metros cadrados-, sen modificar a edificabilidade, e dá resposta á necesidade de albergar varios usos diferentes, no conxunto formado polo edificio prismático e o óvalo. Así, a Oficina de Emprego estará na planta baixa, ao igual que o salón de actos, que terá saída independente. As oficinas da Xunta estarán na planta baixa, 1ª e 2ª. O espazo destinado a entidades sociais e sanitarias sen ánimo de lucro estará na planta 3ª, e as instalacións do edificio (como as caldeiras, ou o grupo electróxeno) e o arquivo, irán na planta -1.

As obras previstas modificarán os núcleos de comunicación vertical e os accesos; intervirán no patio interior, mellorando a entrada de luz e a permeabilidade visual, e suporán tamén a reforma da fachada, de forma que proxecte unha imaxe renovada do conxunto, así como unha mellora da eficiencia enerxética.Á espera de licenza municipalPara poder iniciar as obras é preciso que o Concello da Coruña emita a correspondente licenza municipal. Esta solicitude xa foi realizada pola Administración galega a principios do pasado mes de novembro, e a día de hoxe non consta que se teña aprobado a mesma.

Con esta actuación, o Executivo galego permite pór en valor o patrimonio propiedade da Comunidade Autónoma, aproveitando os edificios de carácter singular coma a antiga delegación, modernizando os inmobles e poñéndoos de novo ao servizo dos cidadáns.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre