Inicio Galicia A Xunta licita as obras de mellora da seguridade viaria no contorno...

A Xunta licita as obras de mellora da seguridade viaria no contorno do parque empresarial da Pasaxe, en Gondomar, cun investimento de 435.000 euros

0

Esta intervención na estrada autonómica que une O Porriño e Gondomar eliminará un treito de concentración de accidentes e as empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 5 de febreiro

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de licitar o contrato para executar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-331, no contorno do parque empresarial da Pasaxe, por un investimento de 435.000 euros.

Este anuncio, publicado hoxe na plataforma de Contratos Públicos de Galicia, sinala que as empresas interesadas nesta actuación poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 5 de febreiro.

A intervención nesta estrada que comunica O Porriño e Gondomar ten como obxectivo a eliminación dun treito de concentración de accidentes, entre o punto quilométrico 11+200 e o 14+600, que coincide na zona máis industrializada, e na zona un pouco máis rural que rodea e conforma os accesos á zona empresarial.

Entre as actuacións proxectadas, están a execución dunha glorieta para facilitar os xiros e o acceso á zona empresarial na intersección entre a PO-331 e a AG-57 -a autoestrada do Val Miñor-, a reordenación do estacionamento e construción de beirarrúas ao longo dun treito duns 600 metros da estrada PO-331, para facilitar os desprazamentos a pé. Ademais, para reforzar a seguridade viaria, habilitarase un espazo central de separación entre carrís.

De xeito paralelo, mellorarase o acceso desde a PO-331 ao polígono, co reforzo do firme, nunha zona da estrada na zona máis rural. Ademais, prevese a mellora da seguridade nos pasos peonís, garantindo unha mellor visibilidade coa limitación de aparcamento nas súas proximidades e con iluminación axeitada.

Esta actuación non afectará á Zona de Vincios, onde a mellora da seguridade viaria se acometerá cando o Concello de Gondomar acade o consenso necesario cos veciños.

A nova intervención na PO-331, no contorno do parque empresarial da Pasaxe, enmárcase na estratexia da Xunta para ter eliminados os 52 tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas no horizonte deste ano.

En concreto na área de Vigo son 18 os puntos negros que estaban identificados. Neste intre, en 11 deles xa hai obras executadas ou licitadas e os outros 7 están en distintas fases da tramitación. O obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta é ter actuado en todos os puntos negros na área neste ano, cun investimento de máis de 5 millóns de euros. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre