Inicio Galicia A Xunta licita as obras de mellora da entrada do Camiño Portugués...

A Xunta licita as obras de mellora da entrada do Camiño Portugués e Santiago ao seu paso pola rúa Escurridía e a Ponte Vella

0

A Plataforma de contratos públicos de Galicia publica hoxe esta licitación por importe duns 240.000 euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar a execución do proxecto de mellora da entrada do Camiño Portugués en Santiago, no treito entre a rúa Escurridía e a Ponte Vella, no barrio compostelán de Conxo.

A Plataforma de contratos públicos de Galicia publica hoxe a licitación deste contrato, por importe de preto de 240.000 euros.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 22 de xuño. A actuación conta cun prazo de execución de 3 meses e o obxectivo é tela rematada neste mesmo ano 2020.

Este proxecto ten por obxecto lograr unha visión integral do Camiño de Santiago como fenómeno patrimonial, cultural e territorial único, independentemente dos diferentes itinerarios que conflúen no centro histórico compostelán. Neste trazado, trátase de reordenar o cruce da rúa da Escurridía coa rúa da Ponte da Rocha e a rúa Volta do Castro, mellorando o tránsito e a seguridade dos peregrinos e peóns.

As principais actuacións previstas inclúen a separación clara de espazos exclusivos para peóns do resto do tráfico rodado, a reordenación do cruce da rúa da Volta do Castro con espazos de uso mixto e a ordenación renovada e humanización das seccións viarias existentes. Tamén inclúe a definición de elementos como pavimentación ou mobiliario.

Ao longo de toda a actuación intentarase manter unha sección mínima de ancho suficiente para a separación do tránsito peonil do rodado. Nos casos de non ser posible nalgúns dos treitos, seguirase o criterio de plataforma compartida, reparándose o firme pero sempre dándolle prioridade ao viandante e elevando o nivel das zonas peonís.

Nos treitos onde sexa posible, ampliarase a plataforma, permitindo xerar pequenos espazos de estancia que serán humanizados con elementos de arborado ou mobiliario urbano.

No cruce entre a rúa da Volta do Castro coa rúa da Ponte da Rocha manterase o trazado actual e executarase un paso elevado en formigón para paso de peóns e peregrinos. Isto farase con ramplas no comezo e final desta zona para controlar a velocidade de circulación dos vehículos na intersección e reforzar a predominancia do peón.

Esta intervención complementa as obras de mellora da chegada a Compostela do Camiño Portugués que se están a desenvolver no barrio de Conxo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre