Inicio Galicia A Xunta licita as obras da fase 0 do Plan director do...

A Xunta licita as obras da fase 0 do Plan director do novo Chuac por 13 millóns de euros co obxectivo de iniciar os traballos en decembro

0

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 7 de xullo para presentar as súas ofertas a este contrato, que ten un prazo de execución de 18 meses


A Xunta de Galicia vén de licitar as obras da Fase 0 do Plan director do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) por 13,08 millóns de euros, co obxectivo de que os traballos comecen en decembro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, compareceron hoxe en rolda de prensa para informar sobre o inicio de contratación destes traballos, que supoñen “a primeira pedra do hospital dos próximos 30 anos para a área da Coruña”.

Acompañados do xerente do CHUAC, Luis Verde, e do director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, os conselleiros informaron de que a licitación está xa colgada na Plataforma de contratos públicos de Galicia, cun período de presentación de ofertas que remata o 7 de xullo e un prazo de execución dos traballos de 18 meses.

Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade destacou que se trata dunha intervención estratéxica porque potencia a actividade ambulatoria, reforza a atención urxente e os coidados críticos, ademais da hospitalización. “Demos este primeiro paso sen perda de tempo, cumprindo co que nos demandaban os profesionais para converter en realidade os primeiros avances que darán paso ao futuro novo CHUAC”, subliñou.

Desa forma, as obras da Fase 0 permitirán a creación dunha nova área de hospitais de día, aumentarán a dotación de camas cunha nova planta de hospitalización e ampliarán os servizos de urxencias así como as camas para coidados intensivos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade sinalou, pola súa banda, que o novo CHUAC é a maior obra pública que se ten impulsado na área da Coruña en moitos anos, tanto desde o punto de vista do investimento, como polo seu impacto social. E asegurou que a Xunta aposta por sacala adiante establecendo “un sólido marco de colaboración” co Concello da Coruña.

Destacou que o impulso desta infraestrutura sanitaria é unha prioridade para a Xunta e tamén para o Goberno municipal da Coruña, como así o ten trasladado en reiteradas ocasións, polo que confiou en poder pechar un acordo “o antes posible”.

A titular de Infraestruturas lembrou que para avanzar no impulso do hospital público da Coruña, a comezos de maio se fixo unha reformulación do convenio de colaboración que lle foi trasladado á Administración local. O convenio proposto segue o mesmo modelo de acordo que se fixo co Concello de Pontevedra e que ten permitido que hoxe estean xa licitadas as obras do novo hospital público de Montecelo.

Ese acordo recolle que a ampliación do CHUAC se tramitará mediante a figura urbanística do proxecto sectorial, que ofrece maiores garantías e permite axilizar a súa aprobación urbanística, ao igual que se fixo co hospital público de Pontevedra.

O convenio proposto tamén limita as achegas comprometidas polo Concello da Coruña para o financiamento das expropiacións, asumindo a Xunta a diferenza, no caso de que no proceso expropiatorio os custos superen as contías inicialmente previstas. Ademais, fíxase unha contía máxima para o financiamento dos accesos por parte do Concello e danse facilidades para que este poida achegar as cantidades que lle corresponden, con anualidades cómodas e tamén tendo en conta o impacto no orzamento municipal.

Unha actuación en varios andares do CHUACSegundo detallou Vázquez Almuíña, coa primeira fase das obras a primeira fase actuarase en varios andares do CHUAC. Na primeira planta vaise traballar na antiga central de esterilización para, deste xeito, ampliar os servizos de Farmacia, Urxencias e Mantemento. Coa ampliación das Urxencias habilitarase unha sala de observación con 4 boxes e 10 camas-sillóns, ademais de control de enfermería e aseo nun total de 150 metros cadrados. Pola súa banda o servizo de Farmacia pasará a ocupar unha extensión de 250 metros cadrados, mellorando notablemente a súa capacidade.

Na cuarta planta as obras realizaranse nas antigas Urxencias para situar os Hospitais de Día de Oncoloxía, Alergoloxía, Hematoloxía, Polivalente e a Oficina de coordinación de transplantes, ademais de reformar o acceso exterior. Esta creación da nova área de hospitais, con 102 postos previstos, é fundamental para o futuro do CHUAC, debido ao aumento dos procesos ambulatorios que evitan ingresos innecesarios e permite afrontar mellor os retos da cronicidade e das terapias minimamente invasivas. Estes novos hospitais de día permitirán a creación de 32 locais que posibilitarán un uso máis racional dos espazos existentes na actualidade para as consultas externas de especialidades médicas e cirúrxicas.

Ademais, contémplanse obras na quinta planta, na área dos antigos quirófanos, para situar unha nova unidade de hospitalización con 29 camas. Na sexta planta tamén se vai traballar na zona dos antigos quirófanos, nesta ocasión para situar as Unidades de Coidados Intensivos de politraumatizados e Coidados Intermedios, con 15 camas cada unha.

Na actualidade o Chuac conta con tres ucis, distribuídas nas plantas quinta e sexta. O traslado das dúas ucis da planta quinta á sexta permitirá crear un espazo maior, con mellor aproveitamento das zonas comúns (tanto de traballo dos profesionais como de descanso) e mellorar a humanización. Ademais a creación de dunha nova unidade de hospitalización con 18 habitacións e 29 camas, distribuídas en 7 habitacións individuais e 11 habitacións de dúas camas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre