Inicio Galicia A Xunta licita a restauración das torres medievais de Sandiás e Porqueira...

A Xunta licita a restauración das torres medievais de Sandiás e Porqueira por máis de 150.000 euros

0

Actuarase na Torre do Castro, en Sandiás, e na de Fírbeda ou da Forxa, na Porqueira, ambas declaradas Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento

A Xunta de Galicia vén de iniciar o proceso de licitación para restaurar dúas das torres que forman parte do complexo medieval defensivo da comarca da Baixa Limia por un importe de preto de 160.000 euros. Concretamente, actuarase na Torre do Castro, no concello de Sandiás, e na de Fírbeda ou da Forxa, en Porqueira. Trátase de dous elementos declarados Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de monumento que forman parte da rede defensiva da Limia xunto coa Torre da Pena, en Xinzo de Limia, e a Torre de Ceme, en Rairiz de Veiga.

En ambos casos os traballos teñen como finalidade avaliar as posibles deficiencias, corrixir as patoloxías existentes e mellorar o estado de conservación destes importantes elementos do pasado histórico da nosa Comunidade. No caso concreto da Torre do Castro as actuacións contan cun orzamento de 80.000 euros e centraranse no estado actual da cuberta onde é preciso intervir co obxectivo de que este ben poida ser empregado como recurso para o desenvolvemento sostible a promoción socio cultural, laboral e económica da zona.

Deste xeito, logo de avaliar as deficiencias e considerar as patoloxías existentes, estímase que é preciso limpar o interior da torre e o terreo colindante e eliminar a vexetación dos muros e da cuberta da torre aplicando un tratamento herbicida. A continuación, habería que actuar sobre a cantería facendo un rexuntado, selando as gretas e estabilizando a cimentación histórica. Os traballos complétanse coa reparación da luz existente e coa recuperación da escaleira interior, un elemento de gran interese que da acceso á cuberta.

Século XIIA Torre de Fírbeda ou da Forxa presenta patoloxías tanto na cuberta como na carpintería ou nas instalacións que fan necesario que se leven a cabo traballos por un importe de preto de 77.000 euros. Trátase dun elemento que conserva a súa aparencia orixinal do século XII e que se divide verticalmente nun soto e catro plantas. Na actualidade, a existencia de numerosas tellas rotas e de danos na cuberta fan preciso que se desmonte e elimine a carpintería metálica da cuberta e das tellas e placas para instalar un illamento térmico e cubrir con nova tella de cerámica.

Ademais, debido a que a carpintería actual non impide a entrada de auga, cómpre crear unha nova carpintería de madeira que evite o deterioro dos elementos interiores. Os traballos inclúen tamén a substitución do pararraios existente e a instalación dun proxector con tecnoloxía LED.

A Torre do castro e da Fírbeda foron construídas nos séculos XI e XII co obxectivo de impedir os intentos de invasión procedentes de Portugal e controlar a lagoa da Antela. Ambas foron testemuña de acontecementos históricos diversos e resultan imprescindibles para coñecer e estudiar o pasado da nosa Comunidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre