Inicio Galicia A Xunta licita a redacción do proxecto de acondicionamento da estrada Viveiro-...

A Xunta licita a redacción do proxecto de acondicionamento da estrada Viveiro- Cabreiros para incrementar a seguridade viaria e facilitar a mobilidade nesta contorna

0

As empresas interesadas neste contrato, cun investimento de máis de 243.000 euros, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de novembro

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, licita hoxe o contrato para a redacción do proxecto de mellora da capacidade e seguridade da estrada Viveiro-Cabreiros (LU-540), cun investimento de máis de 243.000 euros.

Este anuncio publicado na plataforma Contratos Públicos de Galicia sinala que as empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de novembro.

O proxecto ten como principal obxectivo o acondicionamento do tramo desta vía comprendido entre os puntos quilométricos 5 e 39+500 para acadar o incremento da seguridade viaria.

Para isto, serán necesarias accións dirixidas á rectificación de curvas, de xeito que todo o trazado se corresponda cunha velocidade de proxecto superior a 80 km/h. A intervención tamén deberá incluír as actuacións necesarias para a implantación de novos tramos de carrís de adiantamento, en treitos con pendente superior ao 3 %, así como para mellorar a seguridade fronte ao cruce de animais.

O acondicionamento, dun xeito máis concreto, contemplará a mellora e redeseño de interseccións, o encaixe de carrís lentos, correccións de trazado, ordenación de xiros á esquerda ou a revisión da sinalización horizontal e vertical, entre outras medidas a adoptar.

O Goberno galego impulsa este proxecto de acondicionamento para facilitar a mobilidade dos veciños de Viveiro, en condicións máis seguras e cómodas, xa que este treito é a principal alternativa empregada para desprazarse a Ferrol ou Lugo. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre